Sábado de paseo, gastronomía e música en Palas de Rei con xa case 200 inscritos

por Redacción Lugo

Despois do grande éxito das catro primeiras actividades en Friol, Guntín, Antas de Ulla e Castroverde, este sábado 13 de xaneiro terá lugar en Palas de Rei a quinta xornada viaxeira «Descubrindo a Comarca de Lugo e as Terras da Ulloa con Guido Guía».

Pablo Taboada (alcalde do Concello de Palas de Rei), Lorena López Cedrón (xerente do GDR 4 e do Xeodestino Comarca de Lugo e Terrras da Ulloa), e Guido Álvarez Parga (impulsor do proxecto Guido Guía) anunciaron os primeiros detalles dun sábado 13 de xaneiro no que volverán a reunirse historia, cultura, natureza, gastronomía e música tradicional.

Este proxecto engloba a 10 concellos das comarcas de Lugo e as Terras da Ulloa (Antas de Ulla, Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Monterroso, Outeiro de Rei, Palas de Rei, O Páramo e Rábade) nos que nos vindeiros meses irán facéndose xornadas de presentación do que é un proxecto a longo prazo para poñer en valor as riquezas do territorio, e ao mesmo tempo promover vínculos sociais e culturais tanto de proximidade como con visitantes de máis lonxe que se animen a participar.

Guido Guía

Guido Álvarez Parga (proxecto Guido Guía) é un turismólogo, profesor universitario (no Grao de Turismo da UNED en Lugo) e guía moi recoñecido a nivel lucense e galego polas súas iniciativas turísticas e culturais diferentes e innovadoras. Foi recoñecido cun dos premios «Lucenses do ano 2020», co Travelers Choice da plataforma TripAdvisor nos anos 2022 e 2023, e outros galardóns que o acreditan na súa labor profesional.

A inscrición para esta actividade é gratuíta, e pode facerse a través do correo info@comarcadelugo.gal e do teléfono 982 238 000

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario