Alfonso Rueda comprométese a seguir traballando por mellorar o día a día dos lucenses e a manter a estabilidade en Galicia: «Non hai nada gañado»

por Redacción Lugo

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reiterou hoxe ante a Xunta Directiva Provincial do PP de Lugo a necesidade de continuar ofrecendo estabilidade a Galicia e o seu compromiso de seguir traballando por mellorar o día a día dos lucenses, incidindo en que «non hai nada gañado». Neste senso destacou a entrada en vigor esta mesma semana de novidosas medidas como a cota cero para os autónomos que inicien a súa actividade este ano 2024 ou o Bono Deporte.

Dúas cuestións que tiveron unha gran acollida por parte dos seus beneficiarios, especialmente as familias con fillos de entre 6 e 16 anos federados que teñen desde este luns á súa disposición unha axuda de 120 euros para a realización de actividades deportivas ou a adquisición de equipamento en preto dun cento de establecementos de toda a provincia de Lugo.

Pola súa banda, a presidenta provincial quixo trasladar na súa intervención o «apoio incondicional» do partido na provincia ao presidente Alfonso Rueda: «Lugo sempre traballou e desta volta non será menos».

Elena Candia salientou tamén que o PP, e a diferenza doutras formacións, ten «unha estrutura unida que, por riba de todo, fixa o obxectivo en dalo todo para que os galegos e, en consecuencia, os lucenses teñan estabilidade e certezas».

«O PP coloca á súa xente polo interese dos cidadáns, non polos intereses personalistas dun candidato que o único que lle preocupa son el mesmo e Pedro Sánchez», concluía ao tempo que prometía unha campaña «auténtica» que «fale ao corazón da xente e aborde as súas preocupacións reais sen discursos baleiros».

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario