A alcaldesa deu a benvida aos mellores estudantes de España e animounos a converterse en embaixadores dunha cidade bimilenaria con moito pasado e, sobre todo, con moito futuro.
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, recibiu hoxe na Casa do Concello aos 200 participantes da Ruta Quetzal 2026, unha das expedicións xuvenís de carácter educativo e cultural máis recoñecidas de España, que este ano percorre Galicia para conmemorar os 900 anos do Reino de Galicia baixo o lema Tras as pegadas de Urraca a Temeraria.
A expedición iniciou a súa viaxe o pasado 28 de xuño e percorreu diferentes enclaves históricos vinculados ao antigo Reino de Galicia antes de chegar a Lugo, unha das últimas etapas do percorrido antes da súa chegada a Santiago de Compostela.
Os participantes, procedentes de todas as comunidades autónomas, foron seleccionados polos seus excelentes expedientes académicos e polos seus méritos en ámbitos como o deporte, a música ou os idiomas. Durante a súa estancia na cidade realizaron un percorrido polos principais enclaves patrimoniais de Lugo para coñecer de primeira man a súa historia e o seu legado.
Durante a recepción institucional, a alcaldesa felicitou aos expedicionarios por formar parte dunha iniciativa que reúne aos mellores estudantes do país e agradeceu á organización que incluíse Lugo no itinerario desta edición.
«Estades entre os mellores e por iso non podiades marchar de Galicia sen coñecer a mellor cidade. Aproveitade estes días para descubrir o noso patrimonio, a nosa gastronomía e, sobre todo, ás persoas que fan de Lugo unha cidade acolledora. Gustaríanos que vos convertésedes en embaixadores da nosa cidade», sinalou.
Candia destacou tamén que a presenza da Ruta Quetzal contribúe a situar Lugo no mapa das cidades que apostan pola cultura, a historia e a formación da mocidade.
«Lugo é unha cidade bimilenaria, cun patrimonio excepcional e cun enorme futuro. É unha satisfacción formar parte dunha expedición que permite ás novas xeracións descubrir a nosa historia e os valores da convivencia, do esforzo e da cooperación»,afirmou.
A alcaldesa animou tamén aos participantes a manter o vínculo coa cidade máis aló desta experiencia.
«Lugo ten un gran reto, que é captar talento como o que hoxe temos diante. Oxalá algún día volvades como profesionais para desenvolver aquí o voso proxecto de vida. Esta será sempre a vosa casa», concluíu.A Ruta Quetzal combina a divulgación histórica coa formación en valores como o respecto, a cooperación, a protección do medio ambiente e a superación persoal a través de marchas, visitas culturais e actividades educativas. Esta edición contou co patrocinio da Axencia Turismo de Galicia e finalizará nos próximos