O Orzán e Balaídos, entre os novos protagonistas da serie da Real Academia Galega «O Seminario de Onomástica responde»

por Redacción Galicia

A Real Academia Galega ofrece na súa canle de Youtube unha nova tempada da serie audiovisual O Seminario de Onomástica responde, na que académicos e académicas e mais filólogos da RAG explican a orixe e o significado de distintos topónimos do país. O Orzán, que designa unha das praias emblemáticas da cidade da Coruña e que podería significar ‘auga que flúe’; e mais Balaídos, que quere dicir ‘bosque de abeleiras’ e popularizado ao denominar o estadio do Celta, son parte dos nove nomes abordados desta volta. Coas novas gravacións son xa máis de 45 os episodios nos que se percorre todo o país a través da pegada da lingua no territorio.

O académico de número Gonzalo Navaza é o encargado de profundar ao pé do estadio no topónimo Balaídos. Como Balaído, en singular, é como apareceu en primeiro lugar, sinalando, segundo a documentación histórica, a ponte que atravesa o Lagares,  río que antigamente se chamaba Sárdoma, topónimo este último que hoxe só se conserva como de parroquia, explica o membro do Seminario de Onomástica e profesor da Universidade de Vigo. E Balaído en singular era tamén o nome que se lle aplicaba a distintos puntos da mesma zona situada entre as parroquias de Matamá, Comesaña, Castrelos e Coia: Balaído da Ponte, Balaído de Dentro, Balaído de Fóra… Pero co tempo o plural non histórico Balaídos acabou por se consolidar como forma habitual a través do nome do estadio do Celta, aclara o filólogo.

Este topónimo popularizado fóra de Galicia da man do fútbol é un nome colectivo de abeleira -a árbore que dá como froito as abelás- resultado da alteración dun antigo Abelaído. Coma este último, significa ‘bosque de abeleiras’ e fai referencia á flora local, expón Gonzalo Navaza. Lingüisticamente Balaído perdeu o a- inicial e alterou tamén o vocalismo respecto a Abelaído e outras das súas variantes. “A forma máis común destes nomes colectivos é a que ten catro sílabas: Abeledo, Abeleda, ás veces; con conservación dun -n: Abelendo, Abelenda…; e son menos frecuentes as formas coas dúas vogais no interior, Abelaído e Abelaíndo, que tamén existen”, concreta.

Canto á súa pegada no Nomenclátor de Galicia, hai dúas entidades de poboación chamadas Abelaído no concello pontevedrés da Lama e no ourensán de San Xoán de Río, e mais unha variante nasal, Abelaíndo, que designa un núcleo de poboación do concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade. Pero as abeleiras, tan comúns na flora tradicional galega, deron lugar a moitos outros topónimos derivados que teñen como raíz compartida a palabra latina ABELLANA, que ten á súa vez como orixe o nome da cidade italiana de Avella, profunda Gonzalo Navaza.

O Orzán

O filólogo da Real Academia Galega Iván Méndez detense noutro dos episodios da serie O Seminario de Onomástica responde nun topónimo coruñés que é practicamente único en Galicia, O Orzán, e faino pisando a area da praia que tamén denomina. O Orzán dálle nome en realidade a toda a enseada, tamén coñecida como Mar do Orzán, limitada por un extremo pola torre de Hércules e polo outro polo monte de San Pedro, identificado no mundo mariñeiro como monte da Penaboa ou simplemente como A Penaboa.

Derivados deste nome son outros topónimos antigos como A Cancela do Orzán ou O Curro do Orzán, este último xa perdido; o da rúa do Orzán, que naceu coa construción na zona dunha serie de vivendas dende finais do século XVII; e o da Agra do Orzán, un dos barrios máis populosos da cidade da Coruña, que ata mediados do século XX era un inmenso terro de cultivo. “De aí o nome de agra, cuxa orientación era cara ao mar do Orzán, que se vía desde alí”, explica Iván Méndez.

Fóra da Coruña, o Nomenclátor non rexistra ningunha entidade de poboación con este nome e a base de datos de Galicia Nomeada, con máis de medio millón de microtopónimos rexistrados, só identifica un Monte de Orzán no concello de Viana do Bolo, á beira do río Bibei.

Tras repasar as distintas hipóteses sobre o seu significado, dende o padre Sarmiento ata Uxío Carré Aldao, o filólogo apunta que a que se considera máis sólida é a do lingüista Edelmiro Bascuas, quen ligou o Orzán con Orza, afluente do Deva. Coma o nome do río, o lingüista sostiña que Orzán procede dunha raíz *Er-w, cuns temas Ortia ou Ortium que poden significar ‘auga que flúe’, neste caso do mar. “Antigamente toda a zona da Pescaría era unha illa e o mar do Orzán pasaba entre ela. Polo tanto, esa hipótese de ‘auga que flúe’ veríase referendada por esa situación. Consideramos que esta tese pode explicar moi ben a orixe deste topónimo tan propio da cidade da Coruña”, conclúe Iván Méndez.

De Agolada a Vilariño de Conso

A última tempada d’O Seminario de Onomástica responde conta con outros sete capítulos dedicados a outros sete nomes da terra de distintos puntos de Galicia. A académica correspondente Luz Méndez aborda as distintas hipóteses sobre o do termo municipal pontevedrés de Agolada; o académico correspondente Xosé María Lema conduce o episodio sobre a parroquia de Cereixo, no concello de Vimianzo; Óscar Castro achégase a Chamoso, nome dun río e dunha parroquia do Corgo; o académico correspondente Antón Palacio fala de Eiré, topónimo único no Nomenclátor de Galicia que designa unha das parroquias de Pantón; a historia de Moeche é rescatada pola académica de número Ana Boullón; o coordinador do Seminario de Onomástica, o académico de número Antón Santamarina, continúa a súa ruta polos concellos do Camiño Francés, desta volta con parada en Palas de Rei; e o coordinador da unidade técnica de toponimia, Vicente Feijoo, dedícalle un episodio ao concello ourensán de Vilariño de Conso.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario