O PP pide a Tomé orde e que poña freo ao xogo de tronos do PSOE na capital da provincia

por Redacción Lugo

Os deputados populares afirman que o presidente da Deputación “cada día está menos lexitimado” para exercer de presidente provincial ao ver “a súa incapacidade para ordenar o seu partido e permitir o descontrol que se está a producir dentro do PSOE na cidade de Lugo” cunha liorta interna mentres paralizan máis a cidade.

Os deputados do Grupo Provincial Popular na Deputación de Lugo dubidan da capacidade de José Tomé para dirixir o ente provincial despois de ver como “é incapaz” de poñer orde dentro do seu partido na provincia e permitir o xogo de tronos” que se está a producir no partido socialista na cidade de Lugo “mantendo na incerteza á cidadanía”.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, critica a postura tomada polo PSOE provincial, “empregando as institucións como plataformas de lanzamento das súas carreiras políticas persoais, deixando claro que os veciños de Lugo nunca lles importaron”.

Ameijide tamén afirma que “no momento no que se comunica unha dimisión hai que anunciar o nome da persoa que ocupará o seu lugar para garantir certa estabilidade, non como está a ocorrer agora, con moita incerteza e dúbidas instaladas na veciñanza”, poñendo como exemplo o caso do alcalde de Paradela quen, no momento de anunciar a súa dimisión, xa comunicou o nome da súa sucesora.

O voceiro popular finaliza incidindo en que estamos “ante o besteirismo que todos recordamos na provincia, con xogadas sucias, coas que segue gobernando o seu partido na provincia”. “A realidade é que se está ou está ausente e desautorizado, demóstrase que calquera das dúas situacións son malas para a provincia”, rematou.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario