Rubén Arroxo: «Para min Lugo si é o primeiro co aval de que nacín aquí, medrei aquí, resido aquí e quero vivir aquí o resto da miña vida»

 O Alcalde en Funcións do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, chamou hoxe dende unha rolda de prensa aos medios «á absoluta tranquilidade para a veciñanza da cidade», nun día «excepcional para Lugo debido a dous acontecementos que non se deron nunca», explicou Arroxo.

«É a primeira vez que dimite a persoa que ostenta o bastón de mando e é tamén a primeira vez que, de forma provisional e nun curto período de tempo, o BNG vai ter a Alcaldía de Lugo». Neste contexto, dende o seu cargo como Alcalde en Funcións, Arroxo insistiu en que «o acordo de Goberno de xuño do 2023 segue vixente no que queda de mandato, e así se vai seguir levando».

As liñas programáticas continúan o mesmo rumbo cas do pasado mandato «no que cumprimos o 95% do que prometeramos polo que, neste novo, aquilo que se dixo, executarase do mesmo xeito», explicou Rubén Arroxo. O Alcalde en Funcións prometeu tamén unha «transición totalmente normalizada» cun proceso no que o Concello vai seguir funcionando correctamente polo ben da veciñanza e da cidade, aclarou.

Arroxo insistiu na súa preocupación pola boa xestión da cidade, sempre dende o rigor, a seriedade, a lealdade e o compromiso cos veciños e cas veciñas. «Estes días, dicir que Lugo é o primeiro parece unha consigna baleira, pero eu podo dicir que, para min, Lugo si é o primeiro, co aval de que eu nacín aquí, medrei aquí, eu resido aquí, eu quero vivir o resto da miña vida aquí e a miña familia é de aquí. Para min Lugo non é que sexa o primeiro, para min é o primeiro, o segundo e o terceiro, e polo tanto neste momento vou facer que así sexa con todos os meus esforzos», expuxo Rubén Arroxo.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios