O Concello de Lugo celebrará mañá, luns 22 de xuño, ás 12.00 horas, o acto de descubrimento dunha placa conmemorativa en homenaxe ao enxeñeiro lucense Tomás Notario Vacas, autor da coñecida como Ponte Nova ou ponte de As Saamasas, unha das infraestruturas máis relevantes para a mobilidade da cidade.
No acto participarán a alcaldesa de Lugo, Elena Candia; o propio Tomás Notario Vacas; representantes do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia; a edil María Reigosa, que tamén é vogal por Lugo do Colexio de enxeñeiros, e membros da Corporación municipal.
A instalación desta placa dá continuidade á iniciativa impulsada polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia para recoñecer a figura de Tomás Notario Vacas e a súa contribución ao desenvolvemento de Lugo.
A homenaxe materializa unha das fórmulas de recoñecemento acordadas pola Corporación municipal tras a negativa do Ministerio de Transportes a autorizar que a infraestrutura leve de forma oficial o nome do enxeñeiro lucense
Con este acto, o Concello súmase á petición do Colexio de Enxeñeiros que solitou poñer en valor a figura dun profesional estreitamente vinculado á cidade, responsable do proxecto dunha infraestrutura estratéxica para Lugo e cunha ampla traxectoria de servizo público. Ademais da súa actividade profesional como enxeñeiro, Tomás Notario Vacas foi alcalde de Lugo en dúas etapas e impulsor da Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas, entidade que promove bolsas de estudo especialmente vinculadas ao sector primario.