Fernández Piñeiro destacou que a lista está composta por “compañeiros e compañeiras históricas desta formación e tamén por novas caras que entenden que o Partido Socialista é a única opción para garantir o futuro das galegas e dos galegos”.
O secretario xeral provincial aposta por “poñer en valor o que está facer Pedro Sánchez por Galicia dende o Goberno de España». Pola contra, lembrou que “os intereses dos galegos e das galegas non se defenden indo nun autobús electoral por un rural onde hai tempo que non hai autobuses, cun conductor que leva moitos anos xestionando de xeito desastroso ese transporte metropolitano”, en referencia a Alfonso Rueda.
“Eses intereses deféndense, por exemplo, votando a favor do incremento das pensións, que vai favorecer a máis de 800.000 pensionistas en Galicia, un cuarto da poboación”, reclamou Fernández Piñeiro. “Unha medida que desgraciadamente non contou co apoio do Partido Popular”, lamentou.
“Deféndense tamén”, continua o socialista, “coa aprobación dos descontos e bonificacións da AP-9”. Destacou que “dende o PSdeG xa se está a traballar, con José Ramón Gómez Besteiro, que é presidente da Comisión de Transportes no Congreso, para lograr o obxectivo histórico da gratuidade total e absoluta desta autopista».
En referencia á cuestión dos pellets, Fernández Piñeiro denunciou que “o o PP está mentindo e difamando, aplicando o mesmo manual que xa aplicaron co Prestige, do que xa sabemos as consecuencias”.
“O Goberno galego actúa tarde, mal e arrastrado pola presión social e dos medios de comunicación, instalado na confrontación constante e non na búsqueda de solucións”, critica o socialista.
“Imos defender os intereses de toda a cidadanía da provincia e de Galicia, coas fortes convincións deste partido, que leva máis de 140 anos sendo clave na historia deste País”, conclúe Fernández Piñeiro.
Por outra banda, a cabeza de lista, a independente Patricia Iglesias, quixo en primeiro lugar “dar as grazas aos compañeiros e compañeiras da familia socialista por acollerme neste partido, que coincide cos ideais que teño dende que teño uso de razón”.
“Son unha muller progresista, letrada da Xunta de Galicia, con vocación de servizo público dende hai case 20 anos e me sinto plenamente identificada co proxecto progresista que lidera Besteiro”, indica. “Representa esa Galicia de avance, de buscar un futuro mellor, de non sentirse acomplexada”, engade.
“Coñezo ben a Xunta por dentro e sei que hai un desgoberno absoluto e unha falta de sensibilidade co desenvolvemento do autogoberno e co recoñecemento da realidade dos galegos e galegas, que somos unha nacionalidade histórica”, lembra a letrada. Destaca que “dende o ano 2009 levan sen reclamar competencias ao Estado”.
Julio Abalde, número 2 da candidatura e anterior reitor da UDC, explicou pola súa banda que “como vello militante do partido e unha vez finalizadas as miñas responsabilidades como reitor, é o momento de axudar ao Partido Socialista e, sobre, todo, axudar a Galicia a desenvolver o proxecto innovador e progresista que representa Besteiro”.
“Galicia precisa ambición, ideas innovadoras, avanzar conxuntamente con toda a sociedade para lograr un futuro baseado no coñecemento, no talento, na innovación e na mellora continua”, sinalou o profesor e experto en microbioloxía.