A Universidade da Coruña organiza mañá venres, día 19 de xaneiro, en horario de 11:30 a 13:30 horas, unha recollida dos granulados de plástico procedentes da vertedura do buque Toconao na praia do Matadoiro
Con esta acción a Oficina de Medio Ambiente da UDC dá continuidade á iniciativa comezada o pasado venres, día 12 de xaneiro, na Praia das Lapas, e que contou coa participación de 35 persoas voluntarias, das máis de 100 que se apuntaron nun só día. Seguindo a Lei de Acción Voluntaria, non se convocou a máis xente por diversos motivos: tamaño do areal escollido (considerando a capacidade de carga dos ecosistemas naturais), ratio máximo de 20 persoas participantes por monitora (dúas monitoras formadas en limpeza de praias e concretamente neste tipo de residuos) e material dispoñible.
Durante esta xornada recolléronse uns 60 gramos limpos de granulado, máis outros mesturados con algas e pequenas madeiras. Nesa praia xa estiveran limpando o día anterior, co que o granulado recollido estaba disperso e procedía só da achega das últimas mareas.
A Oficina de Medio Ambiente da UDC vén organizando diversas accións de limpeza de praias cada curso académico. Nesta ocasión engadiuse a recollida das esferas de plástico, pero tamén todo o lixo atopado, para contabilizalo e analizar a súa composición e procedencia, concienciando ás persoas voluntarias. Separáronse en varios capachos residuos procedentes da pesca, residuos hixiénico-sanitarios, plásticos lixeiros dun só uso (bolsas, envoltorios alimentos) e refrescos, moitos microplásticos (ou plásticos menores de 5cm, que o seu futuro inmediato é converterse en fragmentos menores).
Na actividade organizada para mañá participarán as persoas que quedaron na listaxe de espera da recollida anterior, quedando aínda algunhas prazas dispoñibles, e podendo inscribirse nesta ligazón.