Alternativa dos Veciños presentou unha moción para o pleno ordinario de xaneiro solicitando que se fagan as xestións necesarias ante a Consellería de Industria, a empresa eléctrica e a Comunidade Europea para que se aborde dunha vez a eliminación das torres e das liñas de alta tensión que atravesan a Urbanización Sol e Mar.
Os veciños e veciñas da Urbanización Sol e Mar de Oseiro levan durante máis de tres décadas expostos a campos electromagnéticos e radiacións provocadas polas torres de alta tensión situadas na contorna das súas vivendas e do colexio público, chegou o momento de repoñer o grave prexuízo causado a máis de 1.200 veciños e veciñas, cuxa instalación eléctrica tantos males lle leva causado pola alta radiación que veñen sufrindo.
“A situación que veñen sufrindo os veciños da Urbanización Sol e Mar é gravísima, provocada pola neglixencia dos distintos gobernos municipais de Arteixo que autorizaron obras ilegais baixo unha rede eléctrica de alto voltaxe, nunha paraxe non apta para o desenvolvemento urbanístico.
No ano 2013 o Concello de Arteixo, a Xunta de Galicia e a empresa propietaria das liñas naquel momento, asinaron un convenio para retirar as liñas que atravesan a Urbanización e o Polideportivo Municipal de Galán, pero a día de hoxe segue sen cumprirse” apunta a Voceira de Alternativa dos Veciños, Noelia Martínez Canosa .
“A Comunidade Europea está a financiar diversas infraestruturas da nosa autonomía ante a cal hai que presentar os proxectos, tanto por parte da Xunta como das empresas e concellos. A canalización da rede entra de cheo nos proxectos financiables, polo que non se pode deixar pasar esta ocasión para liquidar tan grave e longa situación que degrada a vida de tantos arteixáns e arteixás, vítimas de especuladores e abandono de gobernantes” explica Noelia Martínez.