Manolo Gago pregoeiro da XXXII edición da Festa do Caldo de Ósos

por Redacción Lugo

Manuel Gago é doutor en CC. da Información pola Universidade de Santiago de Compostela; director de culturagalega.gal, o portal de divulgación cultural do Consello da Cultura Galega; e profesor asociado na Facultade de CC. da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, formando aos novos xornalistas na especialidade de ciberxornalismo. E será o pregoeiro da XXXII edición da Festa do Caldo de Ósos que se celebrará os vindeiros 10 e 11 de Febreiro de 2024, no Concello de Taboada.

Profesional prolífico en moitos eidos, como o da divulgación histórica e científica, a divulgación cultural, a difusión e investigación no ámbito arqueolóxico, e ata como escritor e ensaísta, ten ademais, un vínculo indiscutible co ámbito gartronómico e co patrimonio culinario galego, e unha querencia especial polo CALDO DE ÓSOS, como quedou patente no artigo publicado en Capítulo 0, sobre a histórica Casa Descalzo.

«Chegou o Caldo de Ósos, as costelas adobadas con patacas das de verdade, o mencía do ano de Taboada, as filloas de sangue e as filloas normais, o queixo, a mel, o café, o augardente de herbas, o carillón soando en badaladas e as zapatillas arrastradas das vellas movéndose nos metros cadrados mínimos. As baldosas parecían caer de esbirros do vapor das potas, as mans dunha avoa quentaban as filloas contra a prancha de ferro da vella cociña económica. Sesenta anos leva Casa Descalzo alí, e debeu existir unha promesa de non tocar o local en todo ese tempo»

Construír unha narrativa do caldo de ósos. Dende a Área de Cultura, Deporte e Medio Rural do Concello de Taboada, consideramos fundamental CONTAR, VISIBILIZAR, DIFUNDIR e VALORIZAR un elemento patrimonial tan importante. Trátase de comunicar o que pasa detrás da cortina, no previo dos produtos que conforman esta característica paisaxe gastronómica. Potenciar a produción local, base do que facemos e somos: unha amalgama de compoñentes que inclúe paisaxes, arquitectura, historia, patrimonio,  estruturas e relacións sociais.

É por iso que eliximos a Manolo Gago, como padriño e pregoeiro desta XXXII edición. Como voz e creador de relato que contribúe a través do seu quefacer, a construír unha narrativa do caldo de ósos. Unha voz que asocia produtos, tradicións e paisaxes culinarias coa marca diferencial e a riqueza exclusiva e intrasferible de Taboada. O local, como eixo.

Gago é o creador e promotor do Código Cociña, un código de boas prácticas para o blogging gastronómico. Colaborou semanalmente no programa  gastronómico da Radio Galega Come e Fala, co que gañou o Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico 2010. Os seus textos gastronómicos poden lerse na sección Paparotas & Co de Capítulo 0, o seu blog persoal, fundado en 2004, e o máis antigo en activo escrito en lingua galega. Un blog que é referente da rede galega, no ámbito da divulgación histórica, científica, en estilos de vida, gastronomía e cultura, e polo que ten recibido premios e mencións de diferentes colectivos profesionais galegos. 

Dende o 2009 é Socio Honorífico da Asociación Profesional de Cociñeiros de Galicia. Gañou o Premio Nacional de Periodismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro ao mellor web gastronómico 2009 co documental Coas nosas mans, traballo creado coordinando un equipo de alumnos da Facultade de CC. da Comunicación.

Tamén coordinou unha experiencia pioneira no ámbito da comunicación gastronómica: El Rioja de Blog en Blog, unha aventura enogastronómica en tempo real patrocinada polo Goberno da Rioxa. Actualmente tamén mantén The Wine Codex, unha guia persoal sobre os viños da Península Ibérica en inglés. É coautor do libro Rías Baixas, Gourmet Territory (2011), unha publicación destinada a presentar internacionalmente a gastronomía contemporánea do litoral sur de Galicia a un público de foodies e gourmets. No 2012 a Asociación de Sumilleres Gallaecia nomeouno Xornalista Distinguido. Tamén escribiu en Tinta de Calamar, o blog gastronómico da Cadena Ser, e na revista Benbo.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario