Integrantes da candidatura do PP lucense subliñaron a súa aposta pola vertebración da provincia e a seguridade viaria nunha reunión na comarca de Sarria
O PP lucense subliñou a aposta do Goberno galego pola vertebración da provincia e a seguridade viaria poñendo como exemplo a conversión do corredor de Sarria en autovía. Trala posta en funcionamento de 11 km entre A Pobra de San Xiao e Sarria sur tras un investimento da Xunta de 25M€, o Goberno que preside Alfonso Rueda ten proxectado continuar co desdobramento nos 16 km entre A Pobra de San Xiao e Nadela. De feito, prevé dirixir nos próximos anos un total de 35,5 M€ a esta infraestrutura.
Durante unha reunión de traballo da candidatura con membros do PP da comarca de Sarria; a presidenta provincial e cabeza de lista ás autonómicas do vindeiro 18 de febreiro, Elena Candia, defendeu que “é fundamental para o desenvolvemento da provincia dotar aos lucenses de infraestruturas do século XXI. E, dende logo, ese é o compromiso do Partido Popular que xa ten demostrado con feitos”.
Os populares fixeron fincapé en que “a Xunta constrúe vías de altas capacidades para mellorar as condicións de seguridade dos condutores sen implantar peaxes”. De feito, “cremos que onde os hai se deben conxelar e non subilas como fixo o Goberno de Sánchez nas autoestradas que son competencia do Estado”.
A XUNTA INVESTIU 135M€ DESDE O 2009
O corredor Lugo-Sarria-Monforte, cuxo último tramo se puxo en servizo en 2015, converteuse nunha das principais infraestruturas de vertebración ao conectar Lugo e a capital de Lemos nuns 45 minutos, grazas a un investimento da Xunta de 135M€ desde o ano 2009.