A Deputación despide Fitur exhibindo o potencial da Reserva da Biosfera As Mariñas, a Costa da Morte e o Xeoparque Cabo Ortegal

Rematan así tres días onde Turismo da Deputación promocionou a diversidade e sustentabilidade dos produtos turísticos da provincia

Finaliza unha nova edición de Fitur, onde a Deputación defendeu a súa estratexia baseada na sustentabilidade social, económica e medioambiental. Durante a xornada de hoxe, o vicepresidente amosou o proxecto do Xeoparque Cabo Ortegal nunha presentación sobre os xeoparques mundiais da UNESCO en Galicia, suliñando que «no 2023 converteuse en Xeoparque da UNESCO, acadando un fito destacado, co que a comarca do Ortegal pasará a ser unha das localizacións de referencia en materia xeolóxica, co impulso turístico, económico e social que isto supón, ademais de todas as oportunidades de emprendemento que se abren».

«Os xeoparques axúdannos a atopar espazos de diferenciación, nos que se valora a calidade, e que atraen a ese perfil de turista que buscamos», apuntou. «O Ortegal é xeoloxía, pero tamén cultura, paisaxes, autenticidade e tradición. E o Xeoparque é un excelente exemplo de cooperación entre municipios moi pequenos da costa, que con apoio de institucions como a Deputación, conseguieron converter a súa riqueza nun producto de gran relevancia para o país».

Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Costa da Morte

Outro dos proxectos que Regueira aplaudiu ao «encaixar á perfección coa estratexia de turismo da Deputación» é a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas, «un exemplo de boa xestión», sendo quen de «organizar un novo produto cun gran valor ecolóxico». Do mesmo xeito que a Costa da Morte, nunha presentación da CMAT e onde o vicepresidente resaltou a gran variedade de opcións que ofrece este territorio, «que se debe desfrutar con cariño, e respetar para deixalo nas mellores condicións pensando nas xeracións futuras». Tamén invitou a coñecelo «nos meses con R, non so no verán», apoiando a aposta da entidade para desestacionalizar o turismo da zona.

Balance positivo da Deputación en Fitur

Remata deste xeito a terceira xornada na que a Deputación estivo presente, amosando o valor turístico e patrimonial de todo o territorio da provincia a través dun turismo de futuro, que ten como eixo fundamental a sustentabilidade, dende un punto de vista reflexivo. Durante os tres días puxo sobre a mesa os puntos fortes da provincia, destacando os cinco plans de sustentabilidade en destino que impulsa, que son os da Vía Verde, o Xeoparque Cabo Ortegal, os Fogóns de Anllóns, Ferrol e o patrimonio militar da Costa Ártabra e As Fragas do Eume, facendo moito fincapé na importancia da protección do medio natural, a creación de riqueza local e en manter a autenticidade como aspectos de diferenciación e de calidade.

Próxima parada: Madrid Fusión

Tras Fitur, turismo da Deputación continuará promocionando a sua proposta turística en Madrid Fusión do 29 ao 31 de xaneiro no pavillón 14 de IFEMA, onde expoñerá a súa marca turística e gastronómica «A Provincia que sabe».

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios