Xosé Edrosa Leal
O pasado dezaoito de novembro, a vila de Chantada foi escenario da VI asamblea cívico-política que leva por nome “ INTERIOR GALEGO VIVO “ , organización que abeira distintas sensibilidades cun obxectivo común: a reivindicación da Galiza do interior co seu medio rural vivo, sostible e con futuro, o mesmo que hoxe languidece por mor do abandono e desatino manifesto nas políticas implementadas por quen exerce e exerceu a potestade de poder evitar tal situación neste eido, parte esencial do noso país e que mellor simboliza os seus valores identitarios como pobo diferenciado. Un feito que polo tempo transcurrido xa non é noticia, senón unha referencia a un acto merecente de ser lembrado, pola súa importancia e pola posible transcendencia que agocha o alí tratado.
Alí déronse cita, entre outras e outros, coñecidas e recoñecidas facianas, como Francisco López Franco “Chesqui”, persoeiro forxado na militancia do galeguismo histórico, liña de pensamento que dende os Precursores, as Irmandades da Fala e o Partido Galeguista, achegáronlle a este país conciencia e razón de ser. Tamén estaba Paula Vázquez Verau, exdeputada no Parlamento Galego e moitas outras cousas máis, muller activa e sempre disposta a loitar polas causas xustas, boas e útiles para o país. Non faltou o cineasta galego-arxentino, Xan Leira, expresión viva do sentimento e compromiso coa Terra, criado e forxado naquel eterno tecer entre a Galiza ideal e a Galiza real, unha simbiose que semella imposible acadar, mais á que algúns e algunhas non rexeitamos endexamais. Outro dos presentes foi Davide Rodríguez, exalcalde do concello de Manzaneda e tamén exdeputado do Parlamento Galego, fiel coñecedor do que é un concello do noso interior, das súas necesidades, recortes, inxustizas e dramas vividos. Tamén estivo o ourensán Lito Prado, sempre animoso e comprometido coa cultura do país.
Xa sei que neste acto había outras personalidades, ás que por mor do tempo e do espazo para este artigo non son mencionadas, as que, sen dúbida, son merecentes para que os seus nomes figuren como tales. Agardo que as imaxes que ilustran o devandito acto e reproducimos, servan dalgún xeito de resarcimento de tal inxustiza.
Cando falamos do interior da Galiza viva, na que, necesariamente, está presente a súa paisaxe, esa parte telúrica da que como diría a escritora e académica María López Sández, abrolla o manancial que lle dá forza e sentido á vida. Por elo, neste evento non podía faltar a expresión bucólica na voz de Ana Vila Portomeñe, a poeta-labrega da Ribeira Sacra ( comarca natural que non se resigna á división provincial); co seu fardelo ateigado de poemas que vai artellando mentres alinda o seu gado, do mesmo xeito que nos cantou o tamén poeta e latinista chairego Xosé R. Crecente Vega na súa Codeseira de codesos.
“ Codeseira de codesos
que recendes a bravío;
que te-los braciños tesos
i os pelos dreitos co frío.
Xemes triste na folgueira
no ermo desemparado,
erma e triste codeseira
onde eu alindei o meu gado…”
Por isto e por moitas cousas máis, a este escribidor non lle pasou desapercibido aquel acto, interpelándoo dalgún xeito a unha reflexión sobre o moito que levo cavilado e escrito sobre este tipo de cuestións, e que, se cadra, teñen moito que ver co desleixo do interior de Galiza e as súas xentes, como é a clara e manifesta desconsideración dunha das institucións máis antergas, asumida, querida e con sentido de pertenza da súa veciñanza, como é a parroquia rural galega, orfa de pai e de nai que a recoñeza civil e administrativamente como tal.
Resulta cando menos paradóxico que nun país como a Galiza que conta con Dereito Civil de seu (do que me aledo), no que se incorporaron algunhas figuras arcaicas e claramente superadas, sen outro valor e utilidade cá súa referencia histórica como ben inmaterial intanxible, e, en cambio, se deixe a parroquia rural sen outro recoñecemento có invocado no artigo 40.3 do noso Estatuto de Autonomía.
Por outra banda, cómpre lembrar tamén que o artigo 1.2 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia, di: “ Nos termos que determinará unha lei do Parlameno de Galicia, as parroquias rurais galegas terán a consideración de entidades locais territorais e gozarán de autonomía para a xestión dos seus intereses patrimoniais”.
Vistos os preceptos invocados, xa non estamos a falar, pois, dun desexo, senón do mandato emanado da máxima norma que rixe os destinos do país galego, o seu Estatuto de Autonomía. Unha omisión lexislativa que trae causa do non recoñecemento de moitos dos dereitos que corresponden aos veciños e veciñas que viven no ámbito rural. Unha eiva da que os nosos lexisladores deberán dar conta.
Aínda que non sexa este o lugar nin o obxecto de entrar nunha análise xurídica, mais dada a invocación da existencia dunha omisión lexislativa, cómpre un breve resumo do significado desta figura: Existe omisión lexislativa cando concorre unha privación de dereitos dun determinado colectivo respecto dos contemplados nunha norma xeral. E por extensión coa analoxía constitucional, sobre a concurrencia desta figura, apelo, como tantas outras veces, ao maxisterio de dona Mª Luisa Balaguer Callejón, catedrática de Dereito Constitucional e Maxistrada do TC, a cal considera que “Serán inconstitucionales aquellas omisiones del legislador que dejen fuera de cobertura de la norma sin justificación, a aquellas personas o grupos que cumpliendo los requisitos exigidos, no se beneficien de ese derecho, por la sola y arbitraria exclusión legal”.
Seguindo esta interpretación, cales serían os dereitos afectados por dita omisión? Pois, entre outros, todos aqueles aos que fai referencia o precitado artigo 1.2 da Lei e Administración Local de Galicia.
Castelao deixounos un magnífico estudo sobre a xénese da parroquia rural galega, institución anterior ao cristianismo “Os lugares espallados compoñen un agrupamento que se chama ´´parroquia´´. Esta entidade é o antigo clan dos celtas, anterior á invasión dos románs, e máis vello que o cristianismo. Chámase ´´parroquia´´ ou ´´feligresía´´ porque a Eirexa procurou asentarse en realidades terreas e o Estado anda po-lo ceo das abstraicións”. Segue afirmando o autor de “ Sempre en Galiza “ que “A parroquia rural é unha das máis punxantes características da nosa Terra, e de ningunha maneira se debe prescindir da súa eisistencia. Podemos, eso si, aceptar o réxime municipal do Dereito español aplicado exclusivamente ás nosas vilas e cibdades; pero non se concibe unha administración local galega sen conceder personalidade xurídica ás parroquias rurais, con efeitividade de goberno propio e de facenda propia”.
Lidas estas verbas do rianxeiro, xa vexo aos meus parroquianos erguerse en alborada na procura dos seus dereitos usurpados. Logo virán os galeguistas minguados a días de festa e actos solemnes de academia, como se o pensamento de Castelao e o galeguismo fora un paxelo de quita e pon. Outros tamén lle chamaron galeguismo amable. Hai para todo. Mais eu quedo coa ortodoxía perenne de Antón Moreda, aquel mariñao forxado no galeguismo do desterro en Bos Aires, e que voltou á Terra baixo o seudónimo de “pomba mensaxeira” coa encomenda de organizar o galeguismo do interior. Rematou nun hospital psiquiátrico durante os derradeiros corenta e tres anos da súa vida, pero o seu pensamento e compromiso coa Terra non esmoreceu. Agora descansa da súa longa loita no cemiterio de San Miguel de Reinante, o seu pobo de nacemento. Alí o entregamos á nai terra o catro de febreiro do 2010. Tamén o Chesqui foi testigo daquel sentido e lembrado acto.
Despois desta mestura entre o telúrico e o bucólico, cómpre brincar ao prosaico para describir a necesidade de que se recoñeza á parroquia rural como entidade territorial de pleno dereito, un dereito serodio, pero que máis vale tarde cá nunca; un sinal de emancipación e corresponsabilidade democrática que ata o de agora non se lle tén dado a esta comunidade senlleira. Sabemos que estamos nun tempo de transición enerxética e tecnolóxica sen precedentes, para a que son necesarios novos espazos e recursos naturais, uns superficiais e outros no subsolo, a instalación dos parques eólicos nos nosos montes son un bo exemplo delo, feito que conleva unha forte incidencia e impacto sobre o territorio do medio rural, tanto de titularidade pública como privada, onde viven e traballan persoas que son as principais afectadas e sempre esquecidas; unha nova colonización deste espazo no que os seus habitantes só xogan un simple papel de espectadores ou de febles suxeitos pasivos, xa que fronte a eles existe un suxeito activo que todo o pode, determina, apreixa e anula ao feble suxeito pasivo, non xogando ningún papel neste proceso de transformación, agás cando un proxecto afecta directamente aos seus bens, íntre no que opera a infalible previa declaración de utilidade pública e interese social da actividade proxectada, non quedándolle outra opción que a defensa do xusto prezo, que raras veces é xusto.
Aludía a unha nova colonización, outrora foino a enerxía hidráulica e a conseguinte colonización dos nosos ríos, sendo Galiza unha potencia neste sector, mais en ningún caso se viu compensada nin resarcida dos perxuízos causados, deslocalizándose, incluso, social e tributariamente do lugar ou lugares de explotación, quedando, coma sempre, a Nazón de Breogán co herdo dos perxuízos. Exemplos abondan, non si?
Outro atentado que ilustra a falla de recoñecemento da personalidade xurídica da parroquia e polo tanto dos labregos e labregas foi o Plan Forestal Español que tivo lugar durante o franquismo no século pasado, levando a moitos deles á ruina, xa que foron privados do aproveitamento consuetudinario que viñan exercendo sobre os montes comunais, plans que foron, obviamente, feitos ás costas dos veciños e veciñas, situación de desamparo que se manifesta ao día de hoxe, agás no que atinxe aos Montes Veciñais en Man Común (MVMC) que son de titularidade colectiva das comunidades veciñais; unha conquista que vén atenuar dalgún xeito aquela inxustiza, aínda que sen conquerilo de todo, xa que seguen soando atentatorias ameazas lexislativas contra a súa natureza; tamén os naturais conflictos entre os propios comuneiros con esta figura de propiedada compartida, unha reminiscencia do dereito xermano que se confronta co romano, que é o máis preto ao noso dereito civil, o que nos insinaron e aplicaron.
E mentres todo isto sucede, as devanditas omisións lexislativas operan no senso contrario aos nosos dereitos; e os lexisladores e representantes das nosas vontades, semella que andan polo ceo que dicía Castelao polo Estado, e só se lembran de nós e dos nosos dereitos á hora de pedir o voto.
Mais sen pretender ser mal pensado, coido que este tipo de omisións non son inocentes, senón deliberadas, pois a quen controla os bens, resúltalle máis doado facelo tamén sobre as vontades dos gobernados.
Antes de rematar quero compartir con vostedes prezadas lectoras e lectores un feito que tivo lugar nun tempo aínda non lonxano, sucedido nun foro ao que asistín e que versaba sobre a España baleira e as novas tecnoloxías da comunicación, organizado por un medio de comunicación de toda solvencia, evento que foi conducido e moderado por un coñecido xornalista de recoñecida competencia e prestixio, con moito predicamento sobre a España que, inexorablemente, vai desaparecendo e non restituíndose por outra mellor; os patrocinadores (que foi o que máis lle chamou a atención a este cronista), coñecidas empresas do mundo da enerxía (renovables-limpas e das outras) e das novas tecnoloxías da comunicación, que eran á súa vez as encargadas dos distintos relatorios a desenrolar, nun formato e estrutura debidamente profesionalizada, que nada fiaba á improvisación e espontaneidade. Os contidos eran un auténtico canto á redención de todos os males que afectan ao medio rural (que non son poucos) e que ían ser resoltos moitos deles a través das novas tecnoloxías da comunicación e das enerxías renovables, cousa que non é certa, xa que depende da súa utilización, e ás probas me remito. O acto íase desenvolvendo segundo o previsto nun regrado automatismo, ata que aparece un pequeno grupo de mozas e mozos que non estaban no guión, os que, nun exquisito alarde de corrección, solicitan o uso da palabra. A primeira reacción da organización foi de hostilidade e disuasoria, ata que o moderador acostumado a lidiar en todo tipo de prazas e, probablemente, vendo que a negativa podía ser perxudicial para o prestixio do acto, transaciona cos mozos e mozas dúas intervencións con tempo limitado, as cales levan a cabo con calificación de nota.
Non lembro a literalidade exacta das súas preguntas e razoamentos expostos aos “ expertos e expertas”, máis sí o sentido no que ían dirixidas, como por exemplo: se dispoñían de datos relativos ás zonas onde se imprantaron parques eólicos e, no caso de existir, a súa repercusión positiva na fixación de poboación, así como a mellora dos índices de nivel de vida e benestar da poboación residente. Teño que dicir que as preguntas e razoamentos daquelas mozas e mozos foron enormemente máis elocuentes e rigurosas cás respostas. Unha reconciliación na esperanza de que un futuro mellor é posible.
Pechar as portas ao progreso non é posible nin tampouco desexable, mais o seu control e aplicación debe ser condición sine qua non dos poderes públicos, para que o progreso redunde na mellora das condicións de vida do conxunto da cidadanía, facendo dela unha sociedade máis xusta, máis igualitaria e, en definitiva, máis feliz, digna dun Estado social, democrático e de dereito como proclama a nosa Carta Magna. Sen embargo, a realidade non sempre confirma esa regra, situación agravada nos últimos tempos e con maior notoriedade dende a pandemia, situación que se aproveitou para facer un descarado axuste de contas sobre a poboación máis vulnerable, con recortes a nivel de servizos públicos, entidades privadas e un longo etc.; a atención primaria na sanidade resulta clamorosa, máis exacerbada nas zonas rurais do interior, pois agora xa podes consultar ao teu médico por teléfono… A atención persoalizada presencial está sendo eliminada de facto dos servizos administrativos, marxinando e encarecendo as súas relacións cos administrados. Os coidados da nosa poboación envellecida, tanto a domicilio como externos segue moi lonxe de dar resposta efectiva ás necesidades reais da poboación dependente, cada vez máis numerosa. Os servizos básicos das zonas rurais están igualmente moi lonxe de estar garantidos, pois a ausencia de comunicación e mobilidde, son prácticamente inexistentes. Feitos todos eles que contribúen á despoboación e, moito máis, aos obxectivos teóricos de fixar poboación.
Cuestión tributaria.
A presión tributaria (Imposto de Bens Inmobles) que se está a aplicar no medio rural ás infraestruturas improdutivas, as que no seu día formaron parte da explotación familiar agraria, hoxe practicamente desaparecida como tal, habida conta do novo modelo imperante de meirande magnitude e menor número, imposto que está sendo soportado á conta das baixas pensións de xubilados do réxime agrario. Unha cuestión que os concellos como beneficiarios deste imposto deben tomar medidas urxentes, exonerándoas de tan gravosa carga.
Por elo, considero que se debe recuperar e recoñecer á parroquia rural como entidade territorial de pleno dereito, dotándoa dos recursos necesarios para unha vida digna da súa poboación e fomento dos seus valores.
A derradeira brincadeira.-
O pasado domingo (28 de xaneiro) cumpríronse 138 anos do nacemento do que para moitos de nós segue sendo o pai da patria galega, Castelao. Uns foron a Rianxo honrar a súa memoria; outros tentamos facelo coa nosa pluma e sempre co anceio de poder cumprir o seu legado.
Saúde e terra.