O sector agroalimentario da provincia da Coruña promocionará o seus produtos en Madrid Fusión da man da Deputación. O stand da entidade provincial conta cunha zona de exposición na que os produtores de quilómetro cero dan a coñecer os seus produtos. Mostra que se complementa, ademais, con outras actividades como showcookings, degustacións e masterclass.
Promoción de produtos locais
Así, nesta feira de referencia mundial, Turismo da Deputación exhibe a materia prima de A Despensa de Lujo, de Coristanco; os cafés de Café Aruba, da Coruña; os licores de Bello Blanco, de Carballo; as empanadas de Costumes Galicia, de Carballo; as galletas de Maruxas de Nata, de San Sadurniño; os queixos de Galmesán, de Arzúa; os viños de Choiva Viños (A Coruña); as patacas de Bonilla (A Coruña); as conservas de Conservas A Nosa (Ribeiro) e os vermús de Lodeiros (Santiago).
Charlas e degustacións
Ademais das mostras de produto, outras pequenas empresas de orixe mocal protagonizan outras actividades no stand da Deputación. É o caso de San Isidro Bakery, de Bergondo, que ofrece unha degustación dos seus famosos panettones, con sorteos entre o público incluidos. Tamén A Castrexa e Os Biosbardos, que presentan o seu proxecto e os seus snacks «Alrescha». Tamén Bodegas Lodeiros, que conta cun «momento vermú» que reúne a moitos asistentes interesados en coñecer a marca.
Pola súa parte, dende Choiva Viños ofrecen charlas sobre os viños da provincia, con cata incluida, e Algas Mar de Ardora, da man de Sinxelo Ferrol, imparte unha masterclass – showcooking sobre as algas da Coruña. Estas actividades desenvólvense durante os 3 días de feira, que rematan coa realización do ritual tradicional da queimada.
Unha oportunidade comercial e promocional
Para estes pequenos produtores, a participación en Madrid Fusión da man da Deputación, supón «unha oportunidade para establecer un contacto directo con profesionais e posibles clientes, para que coñezan o produto de primeira man» apuntan dende Bello Blanco Licores. Algo que tamén resaltan desde A Despensa de Lujo, «recibimos visitas de clientes de toda España, e establecemos contactos con cociñeiros. Visítannos profesionais moi interesados no produto, influencers e agricultores que nos ven como unha referencia no sector». Desde Costumes Empanadas de Galicia sinalan que «permítenos abrir mercado fóra de Galicia e realzar as cualidades das empanadas galegas». Queixos Galmesán resaltan «o vínculo entre produtos galegos de calidade», xa que «tamén establecemos sinerxías entre nós, ademais de poder aprender e ver novas tendencias que aplicar nos nosos negocios» sinala A Castrexa.
Todos eles destacan as oportunidades comerciais que lles brinda a súa participación en Madrid Fusión, así como a posibilidade de poder asistir a un espazo cuxo acceso, ao tratarse de empresas pequenas e artesanais, lles resultaría máis complicado. «É un gran apoio para unha empresa pequena como a nosa», afirman Conservas A Nosa. «O paraugas da Deputación permítenos acceder a novos mercados e darlle visibilidade ás nosas marcas» sinala Maruxas de Nata. «É un excelente escaparate para o noso traballo», confirma Bodegas Lodeiros, «que nos axuda a encontrar distribuidores e a crecer en negocio e proxección», engade Choiva Viños. A empresa coruñesa Cafés Aruba, pola súa parte, apunta que «é un orgullo representar a provincia que sabe; A Coruña ten un sabor especial que revive a través de Madrid Fusión».