A ‘Festa da Filloa’ volve en febreiro aos arredores da praza de Abastos de Lugo

por Redacción Lugo

O Entroido 2024 conta con máis de 20 actividades para distintos públicos, con animación musical e teatral na rúa

A contorna da Praza de Abastos acollerá o vindeiro 13 de febreiro a segunda edición da Festa da Filloa de Lugo, cita coa que a Tenencia de Alcaldía dá comezo ás actividades do Entroido 2024. A concelleira de Participación, Cristina López, destacou «a boa acollida e éxito» que tivo esta iniciativa por parte da veciñanza de Lugo na súa primeira edición, e destacou que, como cada ano, o Entroido «contará cunha gran selección de actividades para toda a veciñanza».

A Tenencia de Alcaldía instalará na praza de Santo Domingo unha máquina capaz de elaborar entre 900 e 1.100 filloas por hora, para entregar filloas de xeito gratuíto a toda a veciñanza que se achegue ao evento. Entre as 11:00 e as 14:00 horas, e á tarde, entre as 16:00 e as 19:00, «os e as lucenses poderán desfrutar deste produto típico da cultura galega e, sobre todo, dos días de Entroido», explicou a concelleira de Participación.

Cristina López tamén quixo incidir en que, dende o Goberno Municipal «queremos poñer en valor a rúa Quiroga Ballesteros e os dous edificios municipais que alí se atopan, o Mercado Municipal e a praza de Abastos».

Cristina López informou das demais actividades que terán lugar nas instalacións. A partir do día 2, «coa celebración do Mercado de Produtos Tradicionais propios desta época de Entroido, onde as cachuchas e os cimos inundarán o Mercado Tradicional dos martes e venres na Praza de Abastos». Ademais, o día 3 recupérase a Feira de Nadela, cun mercado con máis de 70 postos con produtos típicos e con concurso de disfraces. Con actividade previa, celebrarase na fin de semana do 3 ao 4 de febreiro unha nova edición do Campionato Estatal de futbolín no soto da Praza de Abastos. En total, insistiu Cristina López, o Entroido 2024 «conta con máis de 20 actividades para distintos públicos, con animación musical e teatral na rúa».

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario