. As instalacións centrais de CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas) en Ames recibiron esta mañá a visita dos candidatos número un e número tres do Partido Popular ao Parlamento de Galicia pola provincia da Coruña, Diego Calvo e Ángeles Vázquez. Un percorrido durante o que coñeceron os produtos que elabora a maior cooperativa láctea de Galicia e as innovacións previstas para este ano de man do presidente da cooperativa, José Ángel Blanco Purriños, e o seu director xeral, Juan Gallástegui.
Entre estas innovacións, Calvo e Vázquez puideron degustar a próxima novidade: un iogur grego de stracciatella que CLESA sacará ao mercado en formato grande e que estará dispoñible en breve nos supermercados de toda Galicia. Un novo iogur que, como todos os produtos de CLUN, contará con todas as garantías de trazabilidade e seguridade alimentaria.
Blanco Purriños agradeceu a visita de Diego Calvo e Ángeles Vázquez pois “sempre nos parece moi interesante poder expoñerlles de primeira man a nosa problemática e os nosos retos de futuro aos representantes políticos na Xunta de Galicia”. Neste sentido, salientou que “coa unión das tres cooperativas que hoxe forman CLUN, o que tratamos de facer é que o sector lácteo sexa un pouco menos minifundista”.
Así, Calvo e Vázquez puideron coñecer sobre o terreo o modelo de xestión sostible de CLUN, baseado nun triplo compromiso: unha aposta pola innovación e a mellora continua dos produtos e servizos; un compromiso coa calidade e a busca constante da satisfacción do cliente grazas á excelencia do produto e unha sustentabilidade económica, social e medioambiental da nosa contorna rural.
Competir a nivel nacional e internacional
Uns puntos que puxo en valor Diego Calvo, quen destacou “a aposta que fixeron no seu momento tres cooperativas por crear un sector lácteo potente e por demostrar que dende Galicia se pode competir a nivel nacional e mundial. Hai que agradecerlle a CLUN o esforzo que fixeron ao seguir modernizándose, apostando pola I+D+i, investigando e conseguindo colocar os seus produtos nos lineais de todas as grandes superficies e moitas tendas especializadas”. Ademais indicou que cooperativas como CLUN son “os verdadeiros motores do sector lácteo e da industria agrogandeira contribuíndo a mellorar a capacidade produtiva e a competitividade dos gandeiros galegos”.
Por iso, asegurou que “o apoio do Goberno galego a estas cooperativas é fundamental. O sector da leite non tería sentido sen unha cooperativa coma CLUN. Estamos aprendendo o que hai que facer e comprometémonos a seguir apoiando estas iniciativas para que poidan seguir medrando porque do que se trata é de que sigan medrando as explotacións que temos en Galicia, que siga medrando o noso rural e que o faga en condicións de competir non só en España senón a nivel internacional”.
Pola súa parte, Ángeles Vázquez puxo en valor o compromiso de Clun coa “sustentabilidade en todas as fases dos seus procesos produtivos”, unha aposta que se traduciu nos últimos anos en investimentos por un importe de case 17 millóns de euros e pola que conta con numerosos recoñecementos e certificacións de calidade. Na súa opinión, “este modelo de cooperativa sustentable e respectuosa co entorno, como evidencia a súa adhesión á Alianza galega polo clima, contribúe a facer do sector primario galego un referente, incidindo na importancia que ten a industria láctea para o futuro do rural, do medio ambiente e da Galicia verde que construíron as xeracións pasadas e herdarán as futuras”.