O pleno da Deputación da Coruña, celebrado este venres, 2 de febreiro, debateu hoxe dúas mocións sobre sanidade pública presentadas polo Goberno provincial (PSOE e BNG) e Partido Popular.
O pleno aprobou cos 17 votos a favor de PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños e o voto en contra do PP a moción presentada polo Goberno provincial relativa á defensa da sanidade pública, a instancias da plataforma SOS Sanidade Pública, e rexeitou a do Partido Popular, que reclamaba o incremento de 1.000 prazas formativas anuais de médicos de familia. Os portavoces de PSOE e BNG argumentaron que a Xunta deixou sen convocar 180 prazas MIR para médicos de familia.
Na moción aprobada, a Deputación insta á Xunta de Galicia a incrementar o orzamento sanitario, especialmente na Atención Primaria, ata o 25 % do total que indica a Organización Mundial da Saúde (OMS).
Outra das peticións do texto é a de solicitar ao Goberno autonómico o incremento do persoal de medicina familiar, pediatría e enfermaría; ademais de crear novas categorías profesionais aos equipos sanitarios.
O texto tamén esixe abrir os Centros de Saúde que na actualidade están pechados e a creación de novas instalacións nos lugares onde sexan necesarios, coa partida orzamentaria suficiente para levar a cabo o seu labor.
O documento insta tamén á Xunta a reintegrar o servizo de ambulancias no sistema público, aumentando a dotación das mesmas; a implementación dun plan para racionalizar as listas de garda hospitalarias; solicita garantías de atención médica e control da saúde das persoas incluídas no Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia.
A moción require a inclusión no Sistema Público dos servizos privatizados e recuperar o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo para o Sistema Público e ampliar o número de camas.
Solicita tamén a elaboración de forma consensuada dun Plan de Saúde Mental que dote ao Sistema Sanitario Público Galego de recursos e de persoal axeitado, a eliminar a inestabilidade e precariedade laboral e implementar unha política xusta e incentivadora.
Reclama ao ente autonómico que realice concursos públicos transparentes e abertos para cubrir os cargos de xestión e erradicar as prácticas de clientelismo e nepotismo.
Por último, o texto inclúe como demandas a recuperación das Xerencias de Atención Primaria e dotalas de capacidade resolutiva e orzamento propio, restituíndo as Áreas Sanitarias suprimidas e os recortes nos hospitais comarcais, así como reorientar o sistema ao «modelo comunitario participativo», para garantir unha atención integral.
A plataforma convoca este domingo na Praza do Obradoiro unha manifestación en defensa da sanidade pública
Esta moción foi elevada ao pleno a instancias da plataforma SOS Sanidade Pública, que pretende evitar o desmantelamento dun dos servizos prioritarios para a poboación.
Esta asociación, que conta con 55 organizacións en todo o territorio galego, propoñen un total de 13 medidas urxentes para afrontar esta situación e chama á cidadanía galega a participar este domingo, 4 de febreiro, na manifestación da Praza do Obradoiro para defender unha sanidade pública de calidade.