O Ineltrón Santo Domingo abre a 2ª Fase con visita do Porriño Godoy Maceira

por Redacción Deportes

O PBB Godoy Maceira, un dos favoritos da competición, visita o Carregal na xornada inaugural do Grupo A1 polo título da Primeira Nacional, este domingo 4 ás 17h. Os porriñeses, primeiros no grupo Sur con 12 vitorias e 2 derrotas, supoñen a primeira pedra de choque de nivel para coñecer as aspiracións do Santo Domingo Betanzos, que acude á cita, como se sabe, como primeiro do grupo Norte con 12 vitorias en 12 partidos.

O conxunto dirixido por Jenaro Alonso é un conxunto que mantén o bloque de xogadores cos que disputou a EBA o ano pasado (a excepción de Cardito, hoxe en Marín Peixe Galego) aos que se sumou outro xogador con experiencia en ligas superiores como Koke Aller, trasladado ao sur do país dende o seu Ferrol natal por motivos laborais. Con tan só 2 derrotas nesta liga (nun aciago mes de novembro marcado polas baixas) o rival dos betanceiros marca unha das citas inescusables da temporada, polo que se agarda unha boa entrada no Carregal e o imprescindible apoio dende a bancada.

O equipo B e La Goleta volven xogar en casa

Co equipo feminino en dique seco ata mediados de mes, cando comezará a nova fase da súa competición, son os equipos sénior masculino os que disputarán partidos esta fin de semana. Así, o equipo B recibe ao Baloncesto Sarria e La Goleta ao Cb Laracha, ambos os dous durante a xornada do domingo. Tamén xogarán en casa os infantís (feminino e masculino), as cadetes e os alevín de primeira, mentres o resto de equipos, entre eles os Júnior e os Preinfantís, disputarán os seus partidos fóra: os de Javier Codesido na Coruña e en Mera (Oleiros) os de Diego Folla.







Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario