José María Fernández denuncia que pese “ás reiteradas peticións” durante anos, a ex alcaldesa Mayra García “nunca se preocupou” polo mantemento e repintado desta estrada fundamental para Trabada xa que comunica o municipio co Hospital da Mariña
Un novo accidente na estrada LU-P-6103, que conecta Trabada con Fórnea, volve a poñer en evidencia a necesidade de realizar o mantemento e repintado desta estrada provincial, algo ao que “sempre se negou a anterior rexedora do municipio”.
O voceiro popular de Trabada, José María Fernández, lamenta “a nula atención que sempre tivo a anterior alcaldesa” coas necesidades dos trabadenses e agarda que “o novo alcalde teña a sensibilidade suficiente para reclamar á Deputación de Lugo o arranxo e repintado” desta estrada provincial.
A estrada LU-P-6103 é unha vía moi empregada polos veciños de Trabada xa que é a principal conexión deste municipio co Hospital da Mariña e que tamén presenta problemas de falta de visibilidade, sendo por momentos case imposible circular por ela. “É unha mágoa que dende o goberno local do Concello de Trabada sigan a permitir que se produzan accidentes, o que demostra a nula preocupación que teñen por garantir a seguridade viaria no municipio”, denunciou.
José María Fernández recorda que o arranxo e repintado desta vía xa se solicitou varias veces no pleno do Concello de Trabada, ademais de pedirse no pleno da Deputación de Lugo o pasado mes de xullo, “pero vemos como para os socialistas a seguridade viaria non é unha prioridade”.