A UDC organiza unha conferencia na Real Academia de Medicina con motivo do Día Mundial contra o Cancro

por Redacción A Coruña

O vindeiro xoves, día 8 de febreiro ás 19:00 horas, na Real Academia de Medicina (R/Durán Loriga, 10), o servizo UDC Saudable da Universidade da Coruña, organiza unha conferencia con motivo do Día Mundial contra o Cancro, que tivo lugar o 4 de febreiro.

 O evento contará coa presentación de Sergio Santos del Riego, catedrático do Departamento de Fisioterapia, Medicina e Ciencias Biomédicas da Universidade da Coruña e director do servizo UDC Saudable, así como coa presenza de Carlos Lamora Suárez, vicepresidente da Xunta Provincial da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) da Coruña, e María Quindós Varela, adxunta do Servizo de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, quen falará da campaña “Todos contra o Cancro”, recalcando a importancia da participación da sociedade civil na loita contra a enfermidade, así como o fundamental papel do voluntariado na difusión de mensaxes de prevención, información sobre os recursos e servizos cos que conta a AECC, e no acompañamento a pacientes e ás súas familias.

Así mesmo, explicarase a conveniencia de incluír á poboación nova nas mensaxes de prevención que se lanzan desde as institucións, asociacións e outras entidades, entre elas, as universidades.

A conferencia será de carácter gratuíto e estará aberto a todo o público interesado, ademais dos membros da comunidade UDC.

MARÍA QUINDÓS VARELA

A doutora María Quindós é a responsable da consulta de cáncer xinecolóxico e melanoma. Participa como investigadora principal de ensaios clínicos nacionais e internacionais de ovario, endometrio, cérvix e melanoma e como co-investigadora de múltiples ensaios clínicos en mama, pulmón, xenitourinario. É membro de sociedades científicas, da Sociedade Española de Oncoloxía Médica (SEOM), da Sociedade Europea de Oncoloxía Médica (ESMO), do Grupo Español de Cancro Xinecolóxico (GEICO), do que é membro da xunta directiva desde Xaneiro de 2022, do Grupo Español de Melanoma (GEM) e da Sociedade Galega de Oncoloxía Médica (SOG). Colaborou impartindo docencia en diversos congresos nacionais, así como na formación de residentes e en asociacións de pacientes. Participa desde a súa creación na liña de investigación transnacional do cancro do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC).

TODOS CONTRA O CANCRO

A AECC dentro da súa campaña “Todos contra o Cancro” persegue conseguir o 70% de supervivencia ao cancro en España para o ano 2030, a través de catro liñas básicas de actuación: divulgación, prevención, atención e investigación.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario