Ecoloxistas en Acción e Acouga denuncian que a veciñanza de As Somozas está a sufrir continuos episodios de emanación de gases tóxicos desde unha das naves das instalacións do complexo de Sogarisa, empresa de tratamento de residuos industriais. Sinalan que estas nubes tóxicas aparecen sempre ven entrada a noite para non ser detectadas polos veciños.
«As emanacións tóxicas proceden da nave de estabilización de residuos perigosos con cal. Sogarisa está incumplindo reiteradamente a normativa de Prevención e Control integrados da contaminación (IPPC), xa que estes procesos con cal deben realizar se nunha instalación estanca con aspiración para impedir a emanación de partículas nocivas para a saúde», declara Roberto Vilela, voceiro de Ecoloxistas en Acción.
A denuncia, presentada por Ecoloxistas en Acción e Acouga, sinala un presunto delito ecolóxico na súa modalidades agravada de risco para as personas do artigo 325.2 do código penal e subsidiariamente na súa modalidade básica do artigo 325.1 contra a Sociedade Galega de Residuos Industriáis S.A, así como ás persoas físicas e xurídicas que resulten corresponsábeis nos feitos desta denuncia.
Ademais de presentar esta denuncia, están reuníndose coa veciñanza afectada para concretar tamén unha demanda conxunta por delito ambiental e contra a saúde publica. Declaran que é a única vía que lle queda a veciñanza para impedir a contaminación de Sogarisa, ante a inacción da Xunta de Galicia. Este mércores 7, ás 20:30h, terá lugar a seguinte charla informativa coa veciñanza, na localidades de Moeche.