Hoxe, nun mitin en Ribadeo con Elena Candia e Daniel Vega ante un público de 350 persoas
O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, manifestou hoxe a súa intención de seguir construíndo a partir do 18 de febreiro «unha Galicia de todos e para todos, pensen o que pensen e vivan como vivan».
Pediu o voto para a Galicia unida dentro da diferenza, que resolve os problemas e non perde o tempo, que atrae investimentos, que está a carón da xente do mar e do sector primario, na que os galegos pagan menos impostos, na que as familias poden estar tranquilas porque os seus fillos contan cunha educación pública gratuíta e na que os maiores poden envellecer onde queiran e ter a vida que queiran.
«Pido a maioría necesaria para non pactar con ninguén máis que coa xente que me deu a súa confianza e pido tamén que votedes como votastes nas eleccións municipais e xerais», afirmou dirixíndose aos ribadenses que fixeron alcalde a Daniel Vega e que fixeron de Lugo a provincia con maior apoio ao Partido Popular de toda España o 23 de xullo.
Para iso Rueda ofrece a todos os galegos –e hoxe concretamente ás máis de 350 persoas que enchían o Cine Teatro de Ribadeo e entre as que se atopaba a súa nai, Lola de Valenzuela– toda a súa convicción e confianza para gañar con argumentos, con razóns, cun programa e «cunha única razón de ser que non é gañar por gañar, senón seguir traballando por Galicia».
O líder dos populares galegos reivindicou que Galicia non necesita importar modelos como o de Podemos, que aínda está orgulloso da Lei do só si é si que rebaixou a pena a máis de 1.200 agresores sexuais e deixou na rúa a máis de 120; o de Sumar, que da leccións sobre como hai que vivir cando é un partido resultante da división; ou o dun PSOE que di si a todo o que veña de Pedro Sánchez aínda que non sexa nada bo para Galicia.
E moito menos o dun BNG ao que non lle gusta que lle recorden que van en coalición con Bildu, apoia a amnistía, pide a liberación de presos de ETA ou «di amén a que cada galego teña que pagar 400 euros para condonarlle a débeda ao independentismo catalán».