A orde de incentivos, que se publicará este mes de febreiro, tamén favorece o asentamento da poboación moza no rural, con incentivos á compra de ata 10.800 €
Tres modalidades de acceso
Os particulares interesados en acollerse a estas axudas da Xunta terán tres modalidades de acceso: adquisición de vivenda protexida; compra en centros históricos; ou compra en municipios de menos de 10.000 habitantes. O prazo para presentar as solicitudes abrirase o día hábil seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de outubro deste ano ou cando se esgote o crédito.
No caso das persoas interesadas en mercar unha vivenda protexida, o orzamento reservado na orde ascende a 1,05 millóns de euros e o importe da axuda poderá chegar ata os 20.000 euros. Así, as persoas que desexen adquirir un destes inmobles poderán solicitar unha subvención equivalente ao 20 % do seu custo, cun límite de 20.000 euros no caso dos menores de 36 anos que compren a vivenda en calquera das sete grandes cidades. Para o resto, o importe dependerá da área xeográfica en que estea localizada e da idade do comprador, movéndose entre os 12.000 e os 16.000 euros.
En relación cos requisitos de acceso, os beneficiarios deben ser adquirentes ou adxudicatarios, en primeira transmisión, dunha vivenda de protección autonómica, que, ademais, terá que ter xa esta cualificación no momento da convocatoria das axudas.
A segunda modalidade de acceso ao programa será a adquisición dunha vivenda localizada nalgún dos medio cento de centros históricos existentes en Galicia, subvencións para as cales a Xunta reserva, neste caso, un orzamento de 500.000 euros.
As axudas poderán chegar aos 15.000 euros sempre que a vivenda se merque nalgún dos sete municipios galegos que teñen declarada nestes ámbitos unha área de rexeneración urbana de interese autonómico (Área Rexurbe) —Mondoñedo, A Coruña, Ribadavia, Tui, Ribadeo, Ferrol e Betanzos— mentres que nos restantes concellos será de 12.800 euros no caso de que o solicitante sexa menor de 36 anos e de 10.800 euros se é maior.
Ademais de que a vivenda estea nun centro histórico, para acceder a estas axudas haberá que acreditar que se subscribiu un contrato privado ou unha escritura pública de adquisición do inmoble con posterioridade ao 2 de outubro de 2023.
Por último, tamén se subvencionará a adquisición de inmobles para uso residencial por parte do colectivo dos menores de 36 anos en municipios de menos de 10.000 habitantes. Cunha partida asignada neste caso de algo máis de 1,9 millóns de euros, a axuda será equivalente ao 20 % do prezo de compra, sempre que este non supere os 120.000 euros e cun límite por axuda fixado nun máximo de 10.800 euros.
Tanto no caso das axudas para compra en centros históricos como en concellos rurais será requisito imprescindible que a vivenda adquirida xa estea construída, con independencia de que sexa nova ou usada.
Aval mozo
Por outra banda, o acordo que elevou o Instituto Galego da Vivenda e Solo ante o Consello tamén inclúe a convocatoria, por segundo ano consecutivo, do programa de avais públicos para a mocidade, impulsado en 2023 pola Xunta. De feito, Galicia foi pioneira en implantar esta medida. “Sen esta financiación adicional, moitos mozos non poderían acceder a unha hipoteca”, indicou.
No marco da convocatoria deste ano, poderanse conceder avais por un importe de ata 5 millóns de euros e cunha contía equivalente ao 20 % do custo da vivenda. O prezo de adquisición, en todo caso, non poderá superar os seguintes límites: 240.000 euros no caso de Santiago, A Coruña, Vigo, Pontevedra e Ourense; 180.000 euros en Lugo, Ferrol, outros municipios urbanos e de tamaño medio, e 130.000 euros no resto de Galicia.
Deste xeito, a contía máxima que poderá ser avalada pola Xunta ascenderá a 48.000 euros no caso de inmobles localizados no primeiro grupo de concellos, de 36.000 euros no segundo e de 26.000 euros no terceiro.
A previsión do IGVS é convocar este programa de avais públicos tamén no mes de febreiro, de xeito que os mozos interesados —que deberán acreditar uns ingresos mínimos de 2 veces o Iprem (16.800 euros) e máximos de 5,5 veces o Iprem (46.200 euros)— poidan presentar as súas solicitudes a partir do 1 de marzo.