O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia o lamentable estado no que se atopa a estrada OU-533, que une a Rúa coa Gudiña

por Redacción Ourense

O PSdeG-PSOE de Ourense afirma que con José Ramón Gómez Besteiro ao fronte da Xunta de Galicia outorgarase prioridade a esta “infraestrutura fundamental” para as comunicacións do oriente ourensán, que aínda é máis determinante coa chegada do AVE a Galicia. “Estamos diante do enésimo exemplo de desleixo ao interior da nosa provincia de parte do goberno do PP, que prometeu a mellora desta estrada en reiteradas ocasións, xa fose a través de Feijoo, Rueda ou a mesma conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Etel Vázquez, pero sen que absolutamente nada acontecera durante todo este tempo”, asevera a cabeza de lista socialista por Ourense ao Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta.

As e os socialistas levan anos reclamando a mellora da estrada OU-533 con investimentos reais e efectivos, que aumenten as zonas de adiantamento, coa construción de terceiros carrís, e corrixan o trazado en varias zonas entre Viana do Bolo e A Gudiña, que presentan curvas perigosas. Segundo Rodríguez Dacosta, quen acudíu a Viana do Bolo acompañada da candidatura socialista, “a cohesión e equilibrio territorial de Ourense precisan dun claro reforzamento dos servizos públicos, pero tamén dun acaído investimento en infraestruturas, nomeadamente das comunicacións por estrada”. “O PP de Rueda gusta unicamente de confrontar co goberno central, pedirlle investimentos para a Galicia interior, cando eles levan as catro ultimas lexislaturas desperdiciando oportunidades de mellorar vías coma esta, de titularidade autonómica, tan necesaria para unir a comarca de Valdeorras coa Gudiña, onde está a estación Porta de Galicia do AVE”, conclúe a candidata socialista.

Trátase dunha estrada que constitúe a saída natural de Valdeorras cara Portugal, Madrid, Vigo ou a zona das Rías Baixas. Unha estrada de vital importancia para a veciñanza das comarcas de Valdeorras e Viana, pero tamén para o Bierzo, xa que facilitaría a comunicación coa estación de AVE da Gudiña. Precisamente a chegada do AVE motivou o incremento considerable da mobilidade por dita estrada, o que implica que precise de investimentos para levar a cabo un arranxo importante. Asi as cousas, o valdeorrense Lalo Santos, número 4

da lista do PSdeG-PSOE ao Parlamento de Galicia, insistiu no feito que “efectivamente, a estrada adquiriu outra dimensión coa chegada da alta velocidade á Gudiña, xa que a OU-533 entóxase fundamental para comunicar a nosa comarca con Ourense e Galicia, pero tamén co resto de España”.

“A Xunta de Galicia do PP non ten adoptado ningunha acción, ningunha medida para garantir as conexións con Valdeorras, unhas conexións á altura da comarca, rápidas e seguras, acompañando así as transformacións desatadas polo goberno central de Pedro Sánchez”, estima Santos. A candidatura socialista fai fincapé na obriga de facer fronte ás eivas e atrasos da provincia, afrontando a complexidade orográfica do territorio para garantir a mobilidade, xa sexa rematando obras e proxectos iniciados ou comprometidos, ou avanzando cara a optimización dun uso eficiente das infraestruturas xa iniciadas. “Con José Ramón Gómez Besteiro ao fronte da Xunta de Galicia, a comarca de Valdeorras e a provincia recuperarán o seu esplendor, potenciando os servizos públicos e rematando cos recortes, o desmantelamento e o abandono que sufrimos da man do PP”, fincou Lalo Santos.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario