A Coruña vive as horas previas ao Martes de Entroido, que chegará cargado de actos e actividades para todos os públicos
Os festexos terán como epicentro o barrio de Monte Alto, e máis concretamente o Campo da Leña e a rúa da Torre, onde se celebrarán os tradicionais concursos de disfraces infantís e de choqueiros.
A xornada comezará con diferentes ofrendas florais a grandes personalidades do Entroido
coruñés. Ás 12.00 horas celebrarase a ofrenda a Fernando Cantero na rúa Arenal e ás
12.30 horas terá lugar a homenaxe a Canzobre na praza do Parque. Ás 13.30 horas será o
descubrimento da placa á Choqueira do Ano, que este ano recae en Jesusa Cabeza García,
‘Susa’, na rúa San Xosé, e cuxo acto estará presidido pola alcaldesa, Inés Rey.
Aproveitarase o acto para homenaxear a César. Por último, ás 14.00 horas haberá unha
ultima ofrenda a Palau, na praza Juan M. Iglesias Mato.
Pola tarde terá lugar a partir das 17.00 horas o concurso infantil de disfraces, que se
celebrará no escenario situado no Campo da Leña. O Concello disporá unha gran carpa
ante a posibilidade de chuvia durante a xornada. Poderanse presentar todas as nenas e
nenos que se inscriban o mesmo día da celebración, ata a hora de comezo do concurso.
No concurso infantil de disfraces, con dúas modalidades (individual; e en grupo) poderán
participar as nenas e nenos nados despois do 31 de decembro de 2011. Poderase participar
nunha única modalidade. Os premios, con tres gañadores tanto na modalidade individual
como na grupal, oscilarán entre os 50 e 150 euros, valedeiros para lotes de libros de
literatura infantil.