The Rapants publica este mércores ‘Rue Franklin’, o segundo avance de ‘La máquina del buen rollo’

por Redacción Galicia

O tema, que estará dispoñible a partir das 00.00h nas plataformas dixitais, acompañarase dun videoclip cuxa preestrea terá lugar ás 22.00h deste martes 13 na canle de Youtube do grupo

The Rapants segue a desvelar detalles do que será o seu novo e esperado álbum de estudio, La máquina del buen rollo. Este mércores, 14 de febreiro, ás 00.00 horas, a banda publicará nas principais plataformas dixitais Rue Franklin, o segundo avance do LP, que verá a luz nas vindeiras semanas.

O tema, de esencia disco, rende homenaxe no seu nome a unha rúa de Bruxelas que o grupo percorreu o ano pasado durante a xira de O corasón coma un after

Tal e como aconteceu co primeiro sinxelo do disco, Blaster W4u, o tema acompáñase dun singular videoclip, nesta ocasión dirixido por Manu Seoane, ateigado de referencias cinematográficas nas que o grupo percorre diferentes épocas. O vídeo estrearase mañá, 13 de febreiro, ás 22.00 horas, na canle oficial de The Rapants en Youtube.

Tras actuar esta fin de semana na Sala Galileo Galilei de Madrid, as vindeiras citas co público en Galicia terán lugar os días 23 e 24 de marzo na Sala Capitol, co gallo da presentación de La máquina del buen rollo. As entradas para ambas datas esgotáronse a mesma mañá que saíron á venda -as do sábado 23 esgotáronse en tan só en 15 minutos-. Ademais, The Rapants actuará en citas como EmigraSON, OurenSound, Portamérica ou Osa do Mar, entre outros festivais.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario