O PP advirte dunha nova compra de favores de Tomé ao dirixir 7.000€ á compra de libros escritos polo alcalde socialista de Taboada

por Redacción Lugo

Ameijide advirte que “resulta curioso” que o goberno provincial elixa casualmente como agasallo institucional unha guía de Taboada escrita polo alcalde socialista “especialmente tendo en conta as manobras das que vimos advertindo nas últimas semanas

O portavoz do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, volve advertir dun novo exemplo do “uso da Deputación de Lugo como chequera para o pago de favores políticos a afíns ao PSOE”. Nesta ocasión, “o goberno de Tomé aprobou dirixir máis de 7.000€ á compra de libros escritos polo alcalde socialista de Taboada”.

“Á marxe da adecuación do seu contido, non deixa de resultar curioso que o goberno provincial elixa como agasallo institucional unha guía de Taboada escrita polo alcalde socialista. Especialmente tendo en conta as manobras das que vimos advertindo nas últimas semanas”, subliña o popular.

De feito, fai algo máis dun ano xa advertíamos de que o goberno provincial estaba a impulsar o candidato socialista á alcaldía con fondos e medios propios da Deputación de Lugo porque “entendemos que os recursos da Deputación de Lugo deben dirixirse a soster o seu funcionamento, manter o seu patrimonio, atender á rede viaria provincial e a colaborar cos Concellos, pero non a promocionar carreiras políticas”. A Deputación de Lugo xa dirixira 975€ a adquirir exemplares da súa guía.

“É completamente indignante a forma de xestionar deste goberno de PSOE e BNG: sempre pensando nos seus amigos”, subliña Ameijide que lembra que “esta é a mesma liña que seguen á hora de repartir fondos entre os Concellos cos que deben cooperar por ser unha das súas competencias”.

SECTARISMO

Os populares teñen denunciado en numerosas ocasións o sectarismo á hora de asinar convenios cos Concellos. De feito, “no último ano o goberno de PSOE e BNG repartiu a dedo unha tarta de preto de 15M€ entre os seus afíns; mentres que para Concellos gobernados polo PP ou por independentes só deixaron unhas migas”. E isto supón, en palabras de Ameijide, “unha discriminación a moitos veciños da provincia”.

E o mesmo sucede co uso do parque móbil que “non está a prestar servizo a tódolos concellos da provincia para a mellora das vías municipais: nos últimos dous anos, só se actuou nun de cada catro dos 67 concellos da provincia e dese 25%, o 81% está gobernado polo PSOE”.

“Esta mesma discriminación apréciase no estado do firme da rede viaria provincial nos cambios de termos municipais”, subliña lembrando que “o peor é que son os veciños e veciñas os que sofren a diario o mal estado das estradas provinciais”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario