Ecoloxistas en Acción denuncia á empresa de xestión de lodos fecais de Touro ante a Xunta e a Fiscalía

por Redacción Galicia

O IGME, organismo dependente do CSIC, confirmou o fracaso da restauración da balsa de Bama, en Touro, mediante os denominados «tecnosolos»

Ecoloxistas en Acción ven de cursar varias denuncias ante a Fiscalía, Augas de Galicia e a Inspección Ambiental da Xunta pola actividade contaminante de TEN – Tratamientos Ecológicos del Noroeste, unha das empresas instaladas no antigo complexo mineiro de Touro. 

A denuncia débese a un novo episodio de contaminación dos cursos fluviais da zona polas verteduras procedentes da balsa de Bama. Balsa onde a empresa amorea lodos fecais de depuradora baixo o eufemismo «tecnosolos». Segundo denuncia Ecoloxistas en Acción, coas chuvas, estes residuos baixan polas ladeiras contaminando o rego do Burgo, afluente do río Brandelos, que por súa vez deita as súas augas no río Ulla, en Rede Natura 2000.

Sinalan que se trata dunha situación que se remonta a dúas décadas atrás, cando a Xunta fomentou a operación dos «tecnosoles» mediante un convenio asinado entre a Consellaría de Medio Ambiente, Augas de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela, da man do ex-catedrático Felipe Macías, socio da empresa TEN. «Baixo a tapadeira dun proxecto de restauración ambiental da mina e dos ríos afectados pola contaminación que xerou a xestión de Francisco Gómez, non só se deu luz verde a este lucrativo negocio de xestión de lodos de depuradora e outros residuos, senon que mesmo se inxectaron inxentes fondos públicos», denuncia Isabel García, voceira de Ecoloxistas en Acción.

Transcurridos máis de 20 anos desde a asinatura deste convenio, Augas de Galicia ven de confirmar que dito convenio xa non está vixente. Para Ecoloxistas en Acción, a Xunta pretende agora eludir a súa responsabilidade da Administración na posta en marcha deste negocio fraudulento. Sinalan que a vertedura de lodos non só non conseguiu os resultados que se prometeran, ademais xerou novos problemas ambientais polos cheiros, e outros impactos, sobre a poboación e ecosistemas, ao non cumprir o condicionado das autorizacións e non realizar os controis obrigatorios. 

Engaden que de feito «nas últimas inspeccións constatouse a superación dos límites máximos permitidos en diversos parámetros como os metais pesados, sulfatos e nitratos, ademais de altos niveis de cobre, níquel e cobalto«. O propio Instituto Xeolóxico e Mineiro de España certificou o fracaso das medidas aplicadas á hora de restaurar os terrenos da mina.

Nin TEN nin Explotaciones Gallegas, empresa legalmente responsable pola concesión mineira, contan con autorización de verteduras para os efluentes da corta de Bama, e a Xunta non obrigou a estas empresas a instalar un sistema de depuración que evite a contaminación constante do rego do Burgo, a pesar das numerosas denuncias interpostas por estes vertidos. Por iso, desde Ecoloxistas en Acción anuncian novas accións xudiciais tanto contra as empresas como contra os propios funcionarios e altos cargos que veñen ignorando intencionadamente a grave situación provocada.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario