Tanto Elena Candia como Antonio Ameijide buscarán o consenso entre as tres administracións para dar unha solución a un problema que leva enquistado máis dunha década
Tanto o Grupo Municipal Popular como o Grupo Provincial Popular defenderán nos plenos de ambas institucións sendas iniciativas para que Xunta de Galicia, Deputación e Concello de Lugo asuman o financiamento para a regularización e ampliación das actuais instalacións da Sociedad Protectora de Animales e Plantas de Lugo.
Os voceiros de ambos grupos, Antonio Ameijide e Elena Candia, explican que nesta moción se pedirá a implicación das tres administracións para asumir o custo de regularizar as instalacións actuais e para ampliar as mesmas, algo para o que a Deputación de Lugo, cun goberno do Partido Popular á fronte, cedeu máis terreos (convenio aprobado o 25 de setembro de 2015).
A DEPUTACIÓN PAGA SANCIÓNS PERIÓDICAS
Antonio Ameijide explica que a Deputación de Lugo, como titular e responsable dos terreos que ocupa a Protectora está a pagar as sancións que se impoñen por parte da Confederación Hidrográfica Miño Sil “debido a non regularización das instalacións”.
“Mantivemos contactos coa Confederación Hidrográfica Miño Sil e confirman que as instalacións actuais da protectora son legalizables e ampliables, extremo tamén confirmado por os demais organismos afectados” afirmou Ameijide, ao que engadiu que “deste xeito desmóntanse anos e anos de mentiras de PSOE e BNG e demóstrase que o único que falta é vontade política, algo que a Xunta e o PP si que teñen”.
“É momento de abandonar a confrontación, de aí o compromiso da Xunta de Galicia para colaborar no cofinanciamento das obras, a pesar de non ter ningún tipo de obriga”, explicou Ameijide.
COMPETENCIA ÍNTEGRA MUNICIPAL
Dende o PP recordan que a recollida e atención aos animais “é unha competencia íntegra municipal” polo que o Concello de Lugo é o que debe dar unha solución, coa colaboración doutras administracións, como a Deputación (unha das súas competencias é a cooperación cos concellos), xa que a Protectora de Lugo dá servizo aos concellos de Lugo, Becerreá, O Corgo, Portomarín, Riotorto, Castroverde, Begonte e A Pastoriza.
“Coa ampliación da Protectora ábrese a posibilidade de aumentar a cobertura a outros concellos da zona centro da provincia”, afirmou a voceira municipal popular.
DATOS DE ATENCIÓN
Na Protectora lucense atenden, de media, a uns 300 cans e 30 gatos cada día, chegando a picos diarios de máis de 500 animais en varios momentos do ano.
Coa ampliación das instalacións debería chegarse a unha capacidade de 500 cans e 100 gatos, como mínimo.
“Vemos como a mellor opción é á regularización e ampliación das instalacións actuais, xa que o traslado ao antigo matadoiro non é unha boa decisión porque reduciría a capacidade de atención da Protectora”, afirman, xa que no antigo matadoiro a capacidade máxima sería duns 200 cans.
Dende o PP recorda que os membros da Protectora recolleron 3.490 sinaturas en apoio a legalización e ampliación das instalacións actuais en Muxa.