Pontón agradece o apoio do alcalde de Sada e chama a unha mobilización masiva para facer historia coa primeira presidenta de Galiza

por Redacción Galicia

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, visitou este xoves Sada, onde mantivo un encontro co alcalde deste Concello, Benito Portela, de Sadamaioría, ao que tamén asistiron a cabeza de lista pola Coruña, Mercedes Queixas; o portavoz municipal do BNG, Emilio Graña, e o representante de Anova Antón Sánchez.

Pontón agradeceu o apoio explícito de Portela ao BNG nestas eleccións e aproveitou para facer un chamamento a cidadanía que quere cambio, incluída a veciñanza de Sada,  para que o 18F acudan masivamente ás urnas coa papeleta do Bloque, para abrir un tempo novo e facer historia coa primeira presidenta en 43 anos de autonomía. Unha presidenta que gobernará «coas mans libres» para defender os intereses do País e mellorar a vida dos galegos e as galegas, «os únicos -dixo- que me van dar ordes».

Durante a súa visita a Sada, a candidata nacionalista abordou co alcalde a situación da sanidade pública e a necesidade de dotar ao concello dos servicios sanitarios que precisa, tras coñecer da man do rexedor a proposta de trasladar o centro de saúde para mellorar a atención primaria que reciben os veciños e veciñas do municipio. Precisamente, unha das medidas que Pontón adoptará se ten a confianza para ser presidenta é un plan de rescate de atención primaria dotado con 200 M€.

«O cambio está ás portas»,  asegurou a candidata nacionalista, subliñando que cada día son máis os galegos e as galegas que se suman á corrente de ilusión e esperanza que representa o BNG. Por iso é importante «que ninguén quede na casa o domingo» porque «non se pode perder ningún voto», asegurou dirixíndose a esa maioría social inconformista que está farta de que Galiza perda tras quince anos de goberno do PP. «Da igual o que votaran en anteriores eleccións, este é o momento de apostalo todo ao BNG e de facelo mirando ao futuro con ilusión, porque non imos fallar», salientou.

«Cada día que pasa é máis evidente que o 18 de febreiro só hai dúas alternativas: ou un goberno do PP con Alfonso Rueda de presidente, ou un goberno liderado polo BNG con Ana Pontón como presidenta», asegurou, contrapoñendo o proxecto de País co que se presenta o Bloque á «Galiza pequena e gris» que deixa o PP, que xa demostrou que «non ten nin proxecto,  nin ideas nin ilusión» e, pola contra, se ten convertido nunha «rémora» para o País. Un PP cada día máis nervioso porque ve como o BNG suma  máis apoios: «Eu véxoos enfadados, preocupados e moi nerviosos, tanto que creo que na sede do PP xa apertaron o botón do pánico», ironizou. 

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario