A Xunta construirá 75 vivendas de promoción pública para alugueiro social en Vigo, A Coruña e Oímbra

por Redacción Galicia

Edificaranse un total de 58 vivendas no barrio vigués de San Paio de Navia, outras 14 en Xuxán, na cidade da Coruña, e 3 máis no concello ourensán de Oímbra

A Xunta construirá 75 vivendas de promoción pública (VPP) destinadas a alugueiro social nos concellos de Vigo, A Coruña e Oímbra, segundo establece o convenio asinado entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e o Ministerio de Vivenda a Axenda Urbana e polo que se cofinancia a construción de ditas vivendas con fondos Next Generation da Unión Europea.

Concretamente, máis do 85% dos recursos destinados á construción destas VPP serán aportados pola Xunta, mentres que a contía restante (preto do 15%) procederá de fondos europeos, sen ningunha achega do Estado. O IGVS construirá estas 75 vivendas en parcelas da súa propiedade en San Paio de Navia (Vigo) e no barrio coruñés de Xuxán, ademais de en solo cedido polo concello ourensán de Oímbra.

O custo total previsto para a execución das obras ascende a 18,1 millóns de euros, que se financiarán con preto de 15,5 millóns de euros por parte da Xunta e algo máis de 2,67 millóns procedentes de fondos europeos.

Por municipios, en Vigo o IGVS construirá 58 vivendas de promoción pública: 37 na parcela M_IVB-20 e 21 na parcela M-IVB-22, ambas en San Paio de Navia. O investimento estimado para acometer ambas promocións acadará os 13,88 millóns de euros, dos que algo máis de 12 millóns corresponderán a fondos propios e 1,84 millóns a fondos da Unión Europea.

No caso da Coruña, edificaranse 14 vivendas na parcela Z-06 do barrio de Xuxán (antigo Parque Ofimático), cun investimento previsto superior aos 3,3 millóns de euros —máis de 2,6 millóns financiados polo Goberno galego e 0,68 millóns, pola UE—.

Finalmente, co obxectivo de realizar unha experiencia piloto de construción de vivendas unifamiliares con estrutura de madeira, o IGVS promoverá tres vivendas no concello de Oímbra, cun investimento total de máis de 900.000 euros, dos que preto de 752.000 euros procederán de fondos propios da Xunta e 150.000 euros de fondos europeos.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario