A Asociación Turística Costa da Morte (CMAT) presentou a súa candidatura en xaneiro, marcando un fito histórico ao postularse por vez primeira como anfitrioa deste prestixioso evento.
A CMAT ven de recibir a resolución da Fundación Starlight indicando a súa selección como sede para o VII Encontro Internacional Starlight. A Fundación tomou esta decisión tras unha revisión de 9 candidaturas de diferentes Destinos Turísticos Starlight do mundo.
Para dar esta importante noticia, a CMAT ofreceu unha rolda de prensa este xoves nas Torres do Allo de Zas na que participaron varios membros da súa Xunta Directiva: Manuel Muíño, o seu presidente; María Lema, a vicepresidenta; Pepe Formoso; secretario e Damián Álvarez, vogal.
O Encontro Internacional Starlight, na súa VII edición, coincidirá coa II Conferencia Internacional Starlight, que ten lugar cada 3 anos.
Durante esta rolda de prensa, Manuel Muíño, presidente da CMAT e alcalde de Zas, destacou que un dos aspectos polos cales a Fundación Starlight escolleu esta candidatura foi o feito de ser un destino novo e ilusionado: “É algo importantísimo para nós, unha gran sorpresa. Espéranos un gran traballo por diante, pero cunha gran ilusión polo que vai representar para a Costa da Morte e Galicia un congreso deste estilo”.
Para afrontar este fito, será crucial o papel da Mesa Starlight no proceso de toma de decisións e na coordinación dos diferentes axentes implicados na organización do congreso. Esta Mesa está formada por parte dos membros da Xunta Directiva da CMAT e a súa secretaría técnica, ademais de membros honoríficos como Turismo de Galicia, Deputación da Coruña, Jorge Mira da USC, Mavi Lezcano da UDC e Antonia Varela, da propia Fundación Starlight.
Esta edición de 2024 prevese especialmente relevante, xa que coincidirán, nunha mesma data, a celebración do VII Encontro Starlight de Astroturismo e o V de Guías e Monitores Starlight coa II Conferencia Internacional Starlight de Astroturismo, que ten lugar cada 3 anos. Terá lugar entre o 1 e o 5 de outubro deste ano.
O Encontro Internacional Starlight reúne anualmente a profesionais, empresas, entidades públicas e privadas, medios de comunicación, monitores e guías Starlight, centrando o seu enfoque nos eixes transversais da Fundación Starlight: astroturismo, desenvolvemento sostible local, patrimonio natural e cultural vinculado á luz das estrelas, protección do ceo e difusión da astronomía.
Nas súas anteriores edicións, este evento celebrouse en lugares tan diversos como Gredos (Castela e León), Menorca (Baleares), Mosteiro de El Olivar (Aragón), Évora (Portugal) ou Fuencaliente de La Palma (Canarias). O pasado encontro de 2023, no que a Costa da Morte foi o único Destino Starlight de Galicia que participou como relator, tivo lugar en Cuenca, atraeu a máis de 200 participantes e, ano tras ano, demostra ser un evento de gran impacto económico e social no territorio.
A CMAT destacaba na súa candidatura as posibilidades do xeodestino Costa da Morte, ofrecendo sedes e servizos para o evento, presentando o territorio, a implicación dos diferentes axentes, o sector turístico local (en especial, os monitores Starlight), a súa conectividade, instalacións, e un amplo abano de actividades atractivas para aos asistentes, entre as que se mesturan as máis científicas coas puramente lúdicas: desde obradoiros de astrofotografía a visitas guiadas, showcookings con produtos locais de temporada, observación das estrelas xunto un dolmen ou rutas en kaiak, entre outras.
Pepe Formoso, presidente de APTCM, membro da Xunta Directiva da CMAT, resaltou a importancia da cohesión entre as administracións, o sector privado e os medios de comunicación: “Nós non traballamos independentemente. Somos un todo. Tanto os 17 concellos como os empresarios e tamén os medios de comunicación, que ao final son quen contan as historias. É unha gran oportunidade”.
Neste sentido, Formoso tamén destacou a potencialidade deste congreso a nivel turístico para a zona: “Os participantes van ser xente proactiva e van ser futuros clientes dos nosos establecementos cando pase este congreso”.
Segundo a directora da Fundación Starlight, Antonia Varela, “a Costa da Morte é un dos Destinos Turísticos máis novos da Rede Starlight, pero levou a cabo un camiño ascendente e cunha sólida estratexia astroturística, á que se suma o gran compromiso das administracións públicas e empresas responsables do territorio, afíns aos principios da Rede Starlight”. A Fundación Starlight tamén salienta que celebrar este encontro na Costa da Morte é tamén estratéxico para toda Galicia, que xa conta con sete Destinos Turísticos Starlight, sendo a terceira comunidade autónoma con máis certificacións deste tipo, despois de Castela A Mancha e Canarias, empatada con Castela e León e seguida moi de preto por Andalucía, Cataluña ou Aragón.
Polo tanto, a celebración deste congreso na Costa da Morte é histórica e suporá unha oportunidade única de posicionamento internacional como destino turístico, establecendo un precedente para futuros eventos e xerando oportunidades económicas a curto e medio prazo.