Sancionan a mina de San Finx con 180.000 euros por verteduras ilegais 

por Redacción Galicia

Ecoloxistas en Acción e todos os colectivos sociais e do mar agrupados na plataforma contra as verteduras da mina de San Finx, situada en Lousame, veñen de celebrar que Augas de Galicia declarase á empresa mineira responsable da comisión dunha infracción grave pola vertedura de augas de minas con concentracións elevadas de cadmio, cobre, cinc e níquel, impoñéndolle unha sanción de 180.000 euros.

Desde os colectivos, mesmo así, consideran que a sanción chega tarde, pois veñen denunciando a existencia destas verteduras desde 2016, e lamentan que non veñan acompañadas da imposición das medidas cautelares que reclamaban para evitar a continuidade da contaminación, incluíndo o taponamento das galerías de drenaxe e o selado das labores en superficie para minimizar a entrada de auga. Medidas que, en todo caso, seguirán demandando para solucionar este problema dunha vez por todas.

A sanción prodúcese logo de que Augas de Galicia tamén recoñecese a necesidade de revocar a autorización de verteduras outorgada á empresa fai exactamente un ano, en febreiro de 2023, e que levou a unha intensificación das protestas e das accións xudiciais. De feito, a autorización de verteduras que agora se revocará está recorrida nos xulgados do contencioso e existe en paralelo unha demanda penal por posibles delitos de prevaricación, falsidade e malversación asociados ao seu outorgamento.

Desbandada da empresa

Os colectivos integrados na plataforma advirten que a empresa, cuxa titularidade real se descoñece desde o pasado verán, está aparentemente desaparecida, pois nin tan sequera presentou alegacións fronte a proposta de sanción, que Augas de Galicia lle trasladou o pasado mes de decembro. Os representantes da empresa tamén levan semanas evitando comparecer ante os xulgados de Noia, onde están chamados a declarar como investigados por un presunto delito contra o medio ambiente e os recursos naturais.

Por este motivo, e ante o risco de fuga, esixen á Xunta que impoña de inmediato as fianzas necesarias e aplique o canon de control de vertidos para garantir que se leven a cabo as actuacións necesarias para impedir a continuidade das verteduras así como a restauración da zona afectada polas presas de residuos mineiras abandonadas. A finais de 2020 a Xunta aprobou unha actualización do plan de restauración con un orzamento de apenas 187.000 euros, cando desde os colectivos ecoloxistas e do mar cifran o custo necesario en varios millóns de euros.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario