Extracción de resina e cultivo de oliveiras en Galicia, próximos obradoiros de Oportunidades de Negocio

por Redacción Galicia

O 29 de febreiro terá lugar o obradoiro de Extracción de resina en formato online. O 1 de marzo, no Hotel Oca Puerta del Camino, de Santiago de Compostela, será o enfocado ao cultivo de oliveiras

Se o día 8 empezaba o ciclo de Xornadas Formativas sobre Oportunidades de Negocio cunha xornada dedicada á produción e comercialización do té, agora continúa con dúas propostas máis: a extracción da resina e o cultivo de oliveiras. Todas as propostas de participación son de carácter aberto, só é preciso inscribirse antes.

Extracción de Resina

Ao longo das preto de cinco horas previstas de duración da xornada sobre a resina, abordaranse tanto aspectos de carácter máis técnico relacionados cos métodos extractivos, coma outros, igual de necesarios, vinculados, por exemplo, coa viabilidade económico financeira ou a comercialización e os mercados.

Saúl Gómez, de Industrial Resinera Valcán, de Cuenca exporá a situación actual e perspectivas da actividade en España, dende a óptica da Industria.

A parte máis técnica correrá a cargo do experto en formación de resineiros, Frank Domínguez.

Eduardo González, de Laxes Ambiental afrontará  a parte relativa á  viabilidade económica e Jesús Eirín, da Empresa Xagoaza Pinaster, á do mercado e a comercialización.

O caso real da produción de resina nos montes de Baroña será exposta por Ovidio Queiruga, presidente da Comunidade de Montes de Baroña.

Toda a formación concíbese dende un punto de vista participativo polo que os asistentes terán a oportunidade de formular todas as dúbidas e preguntas que poidan xurdir.

Cultivo de oliveiras

Xa de forma presencial, os expertos convidados a impartir a formación prevista en canto ao cultivo de oliveiras en Galicia presentarán o Grupo Operativo Oligal, recentemente constituído ,e afondarán en aspectos como a recuperación e o estudo das variedades de oliveiras en España, ou as dificultades que rodean esta produción.

Ademais compartiranse diversas experiencias produtivas tanto de Galicia, como de Portugal e outras partes do país, tendo especial presenza a cooperativa galega de produtores de oliva autóctona, Proligal.

Son numerosas as entidades e expertos deste subsector que van formar parte desta actividade formativa e de impulso e promoción desta experiencia produtiva, procedentes de Centros Tecnolóxicos, Fundacións, Universidade, Asociacións de Produtores, empresas e outras institucións relacionadas.

A inscrición realízase a través dos formularios específicos que poden atoparse na web de AGACA: www.agaca.coop.

Rede Eusumo

Esta actividade enmárcase no programa de actuación 2023-2024 da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario