O traballo destaca porque revela achados históricos e etnográficos importantes e contribúe á preservación do patrimonio cultural e ao desenvolvemento sustentable do turismo na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal
A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal outorgou o seu recoñecemento a un artigo de investigación desenvolvido por un equipo multidisciplinar e transfronteirizo de investigadores do que forman parte Alberto Ramil e Ana J. López, do Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser (LAIL) do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), no Campus Industrial de Ferrol (CIF da UDC.
O artigo, publicado na revista GeoHeritage da editorial Springer co título «Building Granite Characterisation, Construction Phases, Mason’s Marks and Glyptography of Nossa Senhora de Guadalupe Church, Mouçós e Lamares, Galicia-North Portugal Euroregion», resultou premiado na convocatoria 2023/2024 do Programa IACOBUS Publicacións científicas (papers).
Asinado en coautoría por un equipo transfronteirizo e multidisciplinar de investigadores do que forman parte os expertos en tecnoloxía láser aplicada ao patrimonio cultural Ana J. López e Alberto Ramil, da UDC, revela importantes achados históricos e etnográficos da igrexa románica de Nossa Senhora de Guadalupe en Mouçós e Lamares, en Vila Real, ao norte de Portugal. Neste traballo, coordinado polo xeólogo, David M. Freire-Lista, da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD) e do Centro de Geociências da Universidade de Coimbra (CGEO–UC), tamén colaboran os profesores Bruno B. Campos e Patrícia Moreira, da Universidade Católica Portuguesa (UCP).
A INVESTIGACIÓN
O artigo premiado realiza un estudo exhaustivo da devandita igrexa románica, no marco do cal, mediante a aplicación de distintas técnicas petrográficas e petrofísicas, se logrou caracterizar os distintos tipos de granito empregados na edificación e localizar as canteiras históricas de onde se extraeron (Sanguinhedo e Vale das Gatas). Ademais, mediante unha análise gliptográfica das marcas de canteiro dos perpiaños e o seu escaneamento láser, tarefa de que se ocupou o equipo da UDC, puidéronse identificar as fases construtivas da igrexa, os canteiros que participaron en cada fase e o abuxardado (acabado superficial do perpiaño) característico que cada un deles lle imprimiu.
O dispositivo de escaneamento láser desenvolvido polo equipo da UDC permitiu dixitalizar o acabado superficial de cada perpiaño e a correspondente marca do canteiro que, a modo de sinatura, lle permitía cobrar polo traballo realizado. En palabras de Ana J. López, «a marca de canteiro é unha característica única de cada perpiaño, moitas veces esquecida nos procesos de restauración. Forma parte do patrimonio cultural e achega información histórica relevante que tamén é necesario conservar».
O artigo destaca porque, ademais de revelar achados históricos e etnográficos importantes, esta investigación contribúe á preservación do patrimonio cultural e ao desenvolvemento sustentable do turismo na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
O PROGRAMA IACOBUS
O Programa IACOBUS, xestionado pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal desde 2014, ten como obxectivo primordial fomentar a colaboración e o desenvolvemento conxunto de actividades científicas, culturais e educativas entre diversas institucións académicas e de investigación deste ámbito xeográfico. Recoñecido polo seu éxito no ámbito académico, IACOBUS abrangue proxectos de investigación en todas as áreas do coñecemento. Forma parte do proxecto REDE IACOBUS, cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Interreg VIN-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027. Actualmente, outorga axudas económicas en dúas categorías: IACOBUS Estadías e IACOBUS Publicacións científicas (Papers).
A convocatoria 2023/2024 destinará 150 000 € a financiar estadías de investigación transfronteirizas e 50 000 € para artigos de investigación publicados en revistas de prestixio. Nesta última edición, a GNP AECT recibiu un total de 343 candidaturas, das que 99 foron seleccionadas para estadías de investigación e 71, entre as que se atopa o artigo destacado nesta nova, para publicacións científicas.
Foto portada: Os investigadores Alberto Ramil e Ana J. López, do Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser (LAIL) do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), no Campus Industrial de Ferrol (CIF) da UDC