Os betanceiros gañan os ferroláns por 91-70
Se noutras ocasións foi o potente xogo interior o que lle deu vitorias ao Ineltrón Santo Domingo Betanzos, nesta ocasión foi o xogo exterior (ou máis ben o acerto dos seus xogadores exteriores) onde se cimentou a nova vitoria do líder invicto da Primeira División Nacional. 16 partidos (4 nesta fase) e os de Betanzos son os únicos que se poden gabar de non coñecer a derrota. E iso que o partido deste domingo contra o Costa Ártabra non pintaba nada ben ao comezo: 21-24 ao remate do 1Q para os visitantes, que marcaban ademais o vertixinoso ritmo do encontro. O segundo cuarto comezaba cun xogo tan rápido coma o do cuarto precedente, e logo dun retento de remontada dos betanceiros (26-26) os de Ferrol puxeron a directa e cun parcial de 0-10 situáronse 26-36 a falta de pouco máis de cinco minutos para o descanso. E ata aí chegou o “susto”. Como sucedeu xa outras veces con este Ineltrón Santo Domingo Betanzos, os de Doc apertaron os dentes e cun parcial de 24-5, e canastra do júnior Ernest sobre a bucina, chegaron con nove de vantaxe ao descanso: 50-41.
Liderados por uns acertados Abelleira (5/8 en triplas) e Dani Martín, que se desquitou do partido en “branco” en Allariz e rubricou 25 puntos, os betanceiros remataron o 3Q 72-52 e todo o que veu despois, cos ferroláns tirando a toalla, foi un intercambio de canastras ata ese 91-70 final que fai sumar unha nova vitoria aos líderes da competición. Polo que toca ás incidencias sobre o parqué, cabe salientar a lesión de Luis Portilla nun nocello, tras un rebote en ataque, cuxo alcance aínda non se coñece.
Ficha Técnica:
Ineltrón Santo Domingo 91: Will Pereiro 2, Abelleira 27, Sanjurjo, Dani Cayado 3, Jorge Cayado 1, Dani Martín 25, Luis Portilla 4, Javier Cardalda 2, Miguel Latas, Rozas 11, Ernest 4, Brezo 12.
Costa Ártabra 70: Isma Fernández 16, Pablo Portela 2, Alejandro Gómez 2, Alex Rivas 16, Brais Romero 10, Dani Rodriguez 10, Javier Pereira 3, Pablo Cal 3, Jorge Picallo 6, Marcos Fernández 2, Tini Cobelo.
Trunfo do Feminino e primeira vitoria dos sénior masculino de Segunda
No que toca a outros equipos do club, destaca o trunfo das Sénior feminino na Estrada (28-42) e a vitoria do Santo Domingo Betanzos B, os sénior de Segunda División, fronte a Xinzo, 75-74, coa que rompen a mala racha que levaban arrastrando durante toda a temporada.