Fin ao comercio de armas e ás relacións con Israel
A Rede Solidaria contra a Ocupación de Palestina (RESCOP), que agrupa a máis de medio centenar de organizacións sociais, colectivos e plataformas cidadás de todo o Estado español, convocou por segunda vez de forma conxunta e simultánea a toda a cidadanía a saír ás rúas hoxe domingo 25 de febreiro, para esixir ao goberno do Estado español medidas concretas e eficaces contra o xenocidio na Franxa de Gaza e a ocupación, o apartheid e o colonialismo en Palestina.
Nun fallo histórico, o Tribunal Internacional de Xustiza ditou o pasado 26 de xaneiro unha serie de medidas provisionais para evitar o que indicou que pode ser un xenocidio, á luz das probas achegadas por Sudáfrica, que actúa como demandante contra Israel. A orde esixe a Israel que tome medidas para impedir actos de xenocidio na Franxa de Gaza e permita a entrada de Axuda Humanitaria sen restricións. O Tribunal declarou que as persoas palestinas teñen dereito a seren protexidas fronte a actos de xenocidio e ordenou a Israel “tomar todas as medidas ao seu alcance, así como castigar a incitación directa e pública a cometer xenocidio.”
Ningunhas destas medidas están a ser adoptadas á luz das últimos masacres, e nin a Unión Europea nin o goberno español, que ten obrigacións legais como membro da Convención para a prevención do xenocidio, fixeron nada para acatar o ditame da Corte. É máis, hai tan só uns días coñeciamos que o Goberno español mentiu sobre os envíos de armas a Israel, incumprindo a normativa estatal e internacional e incorrendo nun posible delito de complicidade con actos de xenocidio.
Dacordo coa información feita pública o pasado luns 12 de febreiro, o ministro de Exteriores, José Manuel Albares, mentiu en repetidas ocasións sobre a suspensión de venda de armas a Israel. Agora sabemos que o Goberno de España autorizou a exportación de armas españolas por valor de 5 millóns de euros mentres se cometían masacres contra escolas, hospitais, universidades e vivendas. É posible que a munición fabricada no noso país estea a ser utilizada por Israel para cometer xenocidio, crimes de guerra e asasinar a nenos con total impunidade.
Agora, máis que nunca, é o momento de que España actúe, se sume á demanda surafricana e impoña sancións a Israel para forzar ao seu goberno a cumprir a lei.
Os últimos anuncios do goberno israelí chamando á poboación da Franxa de Gaza a evacuar Rafah, zona na que se amontoan agora mesmo un millón e medio de persoas, a maioría delas desprazadas que fuxiron dos bombardeos que arrasaron o resto do territorio, son outra declaración de intencións explícita: non van parar ata destruír o último recuncho de Gaza e expulsalos a todos.
Hai que lembrar que Israel leva bombardeando de maneira intencionada e sistemática a Franxa de Gaza desde o pasado 7 de outubro, sometida a un bloqueo asfixiante e ilegal desde hai máis de 16 anos. Con máis de 28.000 persoas asasinadas (aproximadamente 14.000 menores) e a destrución de infraestruturas vitais (hospitais, escolas, subministracións de auga e enerxía), ademais dunha xigantesca catástrofe ecolóxica. Calcúlase que máis de 10.000 persoas están desaparecidas baixo os cascotes, con dous millóns e medio de persoas desprazadas dos seus fogares, sen acceso a atención sanitaria e cun 95% da poboación que pasa fame.
Asemade, en Cisxordania e Xerusalén está a acelerarse o proceso de limpeza étnica, con campañas de detencións masivas, asasinatos e agresións co obxectivo de expulsar a poboación nativa da súa terra, tanto por parte do exército como dos colonos que residen de forma ilegal en Cisxordania e Xerusalén e que están abertamente armados polo goberno israelí. 2023 xa se consideraba o ano máis sanguento, con máis de 180 persoas asasinadas antes do 7 de outubro. Desde entón, máis de 350 persoas foron asasinadas por Israel. Lembremos que estes ataques se dan nun contexto máis amplo constitutivo dun crime de apartheid, tal como denunciaron organizacións palestinas e Amnistía Internacional ou Human Rights Watch.
É por iso que, despois das masivas mobilizacións do pasado 20 de xaneiro, con máis de medio millón de persoas nas rúas, volvemos saír hoxe 25 de febreiro para esixir ao Goberno e aos partidos que o sustentan, que presionen e tomen medidas inmediatas e proactivas na defensa e a protección dos dereitos humanos en Palestina se non queren converterse en cómplices necesarios do capítulo máis doloroso da nosa historia máis recente.
Desde a RESCOP esiximos ao goberno do Estado español que:
- Lidere un cesamento do fogo inmediato e permanente
- Poña fin á compravenda de armas e de tecnoloxía militar e de seguridade con Israel
- Apoie a demanda presentada por Sudáfrica no Tribunal Internacional de Xustiza contra Israel por xenocidio
- Recupere a xurisdición universal
- Rompa relacións diplomáticas, institucionais, económicas, deportivas e culturais con Israel
- Poña fin á persecución e criminalización da solidariedade con Palestina e derrogue a Lei mordaza.
Desde a RESCOP queremos recoñecer a resistencia do pobo palestino fronte a ocupación, a limpeza étnica, o apartheid e a colonización e instamos á sociedade civil, especialmente a traballadoras, traballadores e as súas organizacións e esiximos ás institucións impulsar a campaña de Boicot, Desinversións e Sancións (BDS), lanzada pola coalición con maior respaldo da sociedade palestina, que busca rexeitar a normalización das políticas de apartheid israelís e exercer presión para facer insostible un réxime de ocupación ilegal, colonialismo e apartheid.