Manifesto por Palestina
O sionismo converteu Gaza nunha zona de morte. Alertan agora os altos representantes das Nacións Unidas do mesmo que levamos meses alertando os movimentos de solidariedade coa Palestina de todo o planeta. O Tribunal da Haia recoñeceu indicios de xenocidio nun ditame histórico e millóns de persoas estamos nas rúas todos os días, por toda a parte, exixindo un cesar-fogo inmediato e o recoñecemento do estado palestino.
E, mesmo así, as potencias imperialistas continúan amparando, por acción ou por omisión, abertamente ou á calada, o xenocidio perpetrado por Israel, obviando as máis de 35mil vítimas mortais, as máis de 100mil feridas, os dous millóns de desprazadas forzosas, a destrución de todos os medios de vida e os crimes de humanidade, esperando vergoñentamente que un sionismo forte favoreza os seus inconfesábeis intereses en Oriente Medio.
Por este motivo, unha xornada máis (e xa van case 5 meses de acción coordenadas) saímos ás rúas das nosas cidades e vilas para cumprir coa nosa promesa de continuar premendo quen nos goberna por accións concretas que poñan fin ao terror sionista. Non pedimos imposíbeis. Cada vez son máis os países que denuncian o xenocidio e dan as costas aos intereses israelitas. Así se teñen manifestado nos últimos días os gobernos de Noruega e da China, que lembrou, no Consello de Seguranza das Nacións Unidas, que a Palestina ten dereito a se defender dos ataques israelitas e a combater a ocupación por todos os medios.
Tamén o goberno de Irlanda, que vén de prohibir o uso do seu espazo aéreo para o comercio de armas con Israel. E tamén o goberno do Brasil, que fixo súa a palabra de orde que berramos nestas rúas “non é guerra, é xenocidio” e que a semana pasada retirou o seu embaixador en Israel. E estes son, apenas, os casos máis recentes.
Desde a Coordenadora Galega de Solidariedade coa Palestina saudamos estas accións, que constitúen primeiros pasos no isolamento internacional da entidade xenocida israelita. Sabemos, ademáis, que responden á evidencia que o pobo palestino está a colocar diante dos ollos do mundo, desvendando coa súa digna
resistencia o verdadeiro rostro do sionismo. E por iso non aceptamos a morna e hipócrita posición de quen nos goberna. Xa o dixemos e dicímolo máis unha vez: non chega con pedir a Israel que respeite o dereito internacional e o dereito humanitario. As declaracións dos gobernos dos Estados Unidos, de Canadá, do
Reino Unido e da Unión Europea son insuficientes. Son, de feito, unha estafa, se coa outra man se continúan apoiando as ansias coloniais do sionismo, se branquean os seus crimes ou se persegue a solidariedade coa Palestina. Non queremos un exterminio máis civilizado, nen máis axustado ás leis internacionais.
Por iso exiximos ao goberno español o fin do comercio de armas con Israel e o recoñecemento real do Estado palestino que tantas veces foi prometido. E do presidente galego que acaba de saír das urnas, que deixe de pór o seu goberno de perfil e de mirar polos intereses das multinacionais israelitas na Galiza.
O que queremos é o fin da matanza sistemática contra a Palestina. O que queremos é o fin do xenocidio e a garantía de que non teremos que voltar ás rúas de novo para denunciar novas operacións de terror sionista. Se pretendemos que esas accións sexan verdadeiramente incisivas, é fundamental isolar o estado de Israel, perseguir os seus dirixentes por crimes de guerra e contra a humanidade, e forzar unha negociación que leve ao recoñecemento dun estado palestino do río ao mar.
Os millares de vítimas claman por xustiza e nós non esqueceremos.
Galiza coa Palestina!
Pola autodeterminación dos pobos!
Do río ao mar, Palestina Vencerá!