Entre os programas figuran «Escola Coruña», para o mantemento dun centro educativo en Senegal, ou «Viaxe cara a vida», que permite traer a nenos e nenas de países africanos para ser operados no CHUAC
A Deputación da Coruña apoia este ano dezaoito iniciativas de cooperación ao desenvolvemento doutras tantas ONG con axudas por importe de 339.842 euros. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) vén de publicar a concesión das subvencións nese ámbito, para as que se habilitaron dous programas: un, para o sostemento de proxectos de investimentos, e o outro, para o cofinanciamento de actividades. En ambos casos, as beneficiarias son entidades sen fins de lucro.
Con estas axudas, a administración provincial contribúe ao mantemento de iniciativas como «Escola Coruña», de EcoDesarrollo Gaia, a través da que se mantén en funcionamento un centro educativo en Senegal, ou «Viaxe cara a vida», de Tierra de Hombres, que permite traer cada ano a Galicia a nenas e nenos de países africanos para que sexan operados no CHUAC.
Outros exemplos de proxectos que se van beneficiar son a construción de infraestruturas de abastecemento de auga e de saneamento para familias vulnerables da comunidade Mam Cajolá, en Guatemala, que desenvolve Arquitectura sin Fronteras España, ou un programa da Asamblea de Cooperación por la Paz para a restitución de terras de vítimas do conflito armado colombiano no departamento de Antioquía.
Subvencións de 5.000 a 32.000 euros
A liña de axudas destinada a investimentos apoiará un total de 7 proxectos, que contarán cunha achega provincial de 171.220 euros. Pola súa banda, a concesión de subvencións para o cofinanciamento de actividades no ámbito da cooperación ao desenvolvemento durante este 2024 goza dun importe de 168.622 euros, que se destinan a un total de 11 iniciativas. Os importes das subvencións concedidas en ambos casos van desde os 5.000 ata os 32.000 euros.
Estas axudas van encamiñadas a apoiar aos países e comunidades máis desfavorecidos, co fin de contribuír ao progreso humano a través de diferentes accións, como impulsar o desenvolvemento sostible, favorecer o benestar social, erradicar a pobreza ou potenciar a defensa dos dereitos humanos.
Segundo apuntou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, «desde hai máis dunha década a institución provincial vén prestando apoio aos axentes da cooperación galega, principalmente aos da provincia da Coruña, financiando proxectos que levan a solidariedade coruñesa arredor do mundo e que melloran a vida de miles de persoas».
Acceso ás resolucións publicadas no BOP:
https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2024/02/23/2024_0000001272.pdf
https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2024/02/23/2024_0000001273.pdf