A UDC acolle esta semana o Congreso Ibérico sobre Augas Subterráneas CIAS 2024

O congreso celébrase cada dous anos, achegando os avances máis significativos no marco das augas subterráneas e a súa interacción con outras disciplinas

Os próximos días 25, 26 e 27 de setembro, a Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña será sede do Congreso Ibérico sobre Augas Subterráneas 2024 (CIAS2024), no que participarán máis de 100 profesionais, expertos e científicos internacionais vinculados ao estudo, aproveitamento e xestión ambiental das augas subterráneas. 

Entre as temáticas máis importantes sobre as que versará o congreso, cómpre destacar a compatibilidade do aproveitamento de recursos naturais e o medio ambiente, a influencia do cambio do ciclo climático no aproveitamento das augas subterráneas ou a implementación do Plan de Acción de Augas Subterráneas 2023-2030.

Así mesmo, o congreso, auspiciado pola Asociación Internacional de Hidroxeólogos (AIH-GE), e organizado polo Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) da Universidade da Coruña (UDC) e o Grupo de Hidroxeoloxía da Universidade Politécnica de Valencia (UPV), contará cunha oferta de actividades, reunións, relatores invitados, conferencias e exposicións de pósters para poñer en común todos os avances e a actualidade científica na materia.

Esta cita celébrase cada dous anos, e nela achéganse os avances máis significativos en sesións paralelas no marco das augas subterráneas e a súa interacción con outras disciplinas. Para iso, un comité organizador e un comité científico revisou as achegas enviadas polos persoal experto e investigador, co fin de obter a máxima excelencia dos traballos.

Entrega de premios

No congreso celebrarase a entrega de catro premios: Premio AIH-GE 2024 Alfonso Bayó para mozos investigadores; Premio AIH-GE 2024 ao labor desinteresado no impulso e desenvolvemento da hidroxeoloxía; Premio AIH-GE 2024 á traxectoria profesional en hidroxeoloxía e as súas aplicacións en España; Premio Fundación Ramón Areces á mellor comunicación presentada por persoal investigador novo.

O evento conta co patrocinio da Universidade da Coruña, Cobre San Rafael, Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste, Gaia Exploración, Amphos 21, Aquatec, Intacta, Geonor, GEAMA, Sondaxes Martínez e o Concello da Coruña; e a colaboración de AC Hotels, Meliá e Eurostars.

Máis información e programa do congreso nesta ligazón.

Comparte éste artículo
No hay comentarios