Os socialistas de Arteixo piden ir “máis aló de concursos de ideas” e executar actuacións inmediatas na Travesía de Arteixo desde o centro médico ata Candame

por Redacción A Coruña

Os socialistas arteixáns pedirán no pleno de febreiro que o goberno local realice actuacións de acondicionamento na Travesía de Arteixo dende o centro médico ata o cruce de Candame coa Avenida de Arteixo, así como a dotación de prazas de aparcamento  nesa zona cun número importante de vivendas e locais comerciais.

“Vemos que despois de 12 anos do goberno actual, é imposible circular por un itinerario seguro e fai falla facer actuacións para que existan mellores prazas de aparcamento nesta ubicación” asegura a voceira socialista, Ana Cedeira, que sinala que “máis aló de concursos de ideas” o goberno debe realizar  “actuacións inmediatas” para arranxar eses itinerarios e facelos máis seguros para a veciñanza e comerciantes da zona.

MANTEMENTO DO PAVILLÓN INFANTIL PONTE DOS BROZOS

Os socialistas arteixáns tamén preguntarán no pleno pola existencia de “verdín” nos corredores do pavillón de infantil do CEIP Ponte do Brozos  tal como denuncian integrantes da comunidade escolar do colexio, que tamén o puxeron en coñecemento  do goberno local, pero sen resposta ata hoxe.

A voceira socialista lémbralle ao goberno local que o mantemento destas instalacións lle corresponde ao concello. “Urxe tomar medidas para evitar caídas e lesións do alumnado e demais integrantes da comunidade escolar”, polo que instan ao grupo de goberno do PP que leve a cabo as actuacións de mantemento necesarias para acondicionalo.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario