En relación aos Avril interesa saber: a planificación das frecuencias e que se manteñan as actuais, o número de trens para Galicia, a política tarifaria, a disposición de suficientes maquinistas e se pasaron todas as fases con éxito.
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a senadora, Carme Da Silva, presentaron senllas iniciativas parlamentares para reclamarlle a Renfe que revise canto antes as abusivas tarifas dos trens Alvia a Galicia, uns prezos que experimentaron uns incrementos desmesurados nos días de Semana Santa e nas fins de semana, sobre todo despois de que non se puxeran en venta os billetes para os Avril.
Os parlamentares do BNG dirixen numerosas preguntas ao Ministerio de Transportes para saber cando estarán operativos os trens Avril, a que se debe o novo retraso, cantas unidades se van destinar a Galiza e se estes trens pasaron todas as fases estabelecidas con éxito. Para o BNG é importante que os novos modelos cumpran todos os requisitos de seguridade.
Renfe non cumpre co principio de información previa dos horarios con tempo
O que si reprocha o BNG ao Ministerio é que Renfe non está a cumprir co principio de informar aos usuarios con suficiente tempo da programación horaria dos trens. Aínda non puxo en venta os trens para abril. «A información previa é inexistente e os usuarios e usuarias non poden organizarse. Os billetes póñense á venda con moi pouco tempo como os de marzo e por riba con prezos dos máis caros do Estado». Renfe lanzou ofertas para Semana Santa para moitos sitios agás Galiza.
Garantir a permanencia dos actuais horarios e facer unha planificación complementar
En relación aos trens da serie 106, ao BNG lle interesa coñecer a planificación do Ministerio: as frecuencias, a política tarifaria, a disposición de maquinistas suficiente. Queren saber se o Ministerio garante o mantemento das actuais frecuencias ferroviarias, sen eliminar nin variar nada, unha vez que entren en servizo os Avril. «Vaise deseñar unha programación complementar entre os distintos servizos ferroviarios? Pode asegurar que os novos horarios dos Avril non van interferir cos horarios existentes?».
Nese sentido, consideran pertinente que se manteñan os trens que fan de lanzadeira a Ourense. En canto á programación futura e para aproveitar as máximas potencialidades dos novos trens, cando cheguen, defenden que sirvan para reforzar as frecuencias do servizos público nos horarios de maior demanda do Eixo Atlántico ferroviario nos turnos de primeira hora da mañá, mediodía e tarde. «É hora de atender a demanda social de contar cun tren ás 6.10h para garantir a chegada ás principais cidades galegas antes das 8h», afirman.
É un feito que a entrega dos trens Avril sofre unha demora de dous anos e que o Ministerio debe adoptar as medidas precisas ante Talgo por incumprimento do contrato, mais ao BNG o que máis nos preocupa «é a adecuada vertebración e cohesión de todos os servizos ferroviarios para mellorar a mobilidade diaria. Precisamente, a virtualidade dos trens da serie 106 é que poden circular pola rede interior da Galiza en ancho ibérico e acurtar os tempos de viaxe entre as distintas cidades do Eixo. Polo tanto, ademais de cubrir percorridos de longa distanza poden conectar as cidades galegas, ofertando máis servizos e frecuencias. Queremos pensar que a operatividade dos Avril non alterará ás frecuencias existentes e que se van planificar novos servizos».
Para o BNG «incrementar as frecuencias diarias con Madrid non pode ser o único obxectivo. É imprescindíbel facer unha planificación que redunde na mellora dos servizos na Galiza, en tanto se agarda á implantación dos servizos de cercanías comprometidos polo Goberno co BNG».