Unha edición centrada na situación de Palestina e o actual xenocidio levado a cabo por Israel contra o pobo palestino
O lugar das proxeccións será a Casa da Cultura de Ponte Valga e a entrada de balde, até completar o aforo da sala.
SÁBADO 9 DE MARZO
19:00 Gaza
Curtametraxe (18 minutos) dirixida por Carles Bover e Julio Pérez , gañadora do Premio Goya ao Mellor Documental no ano 2019. Tras a última agresión israelí sobre a Franxa de Gaza, unha vez cesan os bombardeos, a realidade do conflito desaparece dos medios de comunicación. O documental é unha viaxe a Gaza, no que a través de diversos personaxes coñeceremos a vulneración de dereitos humanos que sofren diariamente e a situación de bloqueo e posguerra pola que trata de sobrevivir a poboación palestina na Franxa de Gaza. Unha viaxe a través das súas cidades, as súas xentes e tamén, de algún xeito, da súa historia baixo a ocupación de Israel.
19:20 Coloquio con Mohamed Safa
Safa naceu en Cisjordania e realizou os seus estudos como médico oftalmólogo en Santiago de Compostela. Residente en Galiza, é impulsor de numerosas iniciativas culturais e políticas destinadas a dar visibilidade á causa palestina. Ten publicado obras como «La segunda Nakba palestina: El proceso de paz», «Palestina, grito por la libertad» ou «La revolución árabe. Democracia, nacionalismo y religión».
DOMINGO 10 DE MARZO
19:00 Os limoeiros
Longametraxe (106 minutos) dirixida por Eran Riklis e baseada en feitos reais. «Os limoeiros» conta a historia de Salma, unha viúva que vive nunha aldea palestina na fronteira que separa Israel dos Territorios Ocupados. O destino fai que o seu novo veciño sexa o ministro israelí de Defensa, quen considera que os limoeiros de Salma son unha ameaza, polo que ordena que desaparezan. Entón, Salma móstrase decidida a salvalos, a pesar de que se considera que una viúva palestina non é libre de actuar, moito menos se cabe cando se trata dun asunto político.