O delegado territorial da Xunta visitou o Consello Regulador da D.O. Rías Baixas 

por Redacción Pontevedra

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as oficinas do Consello Regulador da D.O. Rías Baixas, en Pontevedra, con motivo da axuda de máis de 350.000 euros da Xunta que será destinada a accións relacionadas coa información e a promoción desta Denominación de Orixe.

O delegado territorial puido conversar cos responsables do Consello Regulador e coñecer de primeira man os principais retos e necesidades desta D.O, que no pasado ano vendimou máis de 45 millóns de quilos de uvas, involucrando a máis de 4.600 viticultores e 166 bodegas.

Reguera destacou a importancia da Denominación de Orixe Rías Baixas para a economía galega e aproveitou para felicitar  todos os traballadores do sector polo seu “espléndido traballo” grazas ao cal conseguiron “facer do viño galego un produto de excelencia recoñecida en todo o mundo”. Tanto é así que a D.O. Rías Baixas exportou, no pasado ano, viño por valor de máis de 60,5 millóns de euros.

Ademais, o delegado quixo lembrar o compromiso da Xunta cun sector en auxe e que cada ano atrae a milleiros de turistas a esta comunidade autónoma. Neste sentido, cabe destacar que, entre os anos 2019 e 2022, a Xunta de Galicia investiu preto de 4 millóns de euros en axudas á Denominación de Orixe Rías Baixas. Unhas achegas que permitiron mellorar a imaxe e a calidade da marca e reverteron a favor de milleiros de familias galegas que viven de forma directa ou indirecta da produción e comercialización dos produtos desta D.O.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario