A Xunta de Galicia colabora co Club de Billar Adai para impulsar a organización da IV Copa de España Feminina, que se celebrará nas súas instalacións do Corgo os días 6 e 7 de abril. Nesta sede presentaron hoxe o evento o presidente e a secretaria da entidade, Pablo Marqués e Belén Encabo, coa participación de Javier Arias e Manuel Otero por parte da Xunta, e do alcalde do municipio, Felipe Labrada, entre outros.
Esta será a penúltima proba do circuíto nacional, a falta só dos Campionatos de España Femininos que se levarán a cabo entre o 29 de maio e o 2 de xuño en Asturias; ambas citas resultarán decisivas para determinar a clasificación para os Campionatos de Europa de Billar 2025.
Así, agárdase que as mellores xogadoras do panorama nacional acudan ao evento de Adai porque están en xogo dúas prazas para os europeos, que sairán do ranking definitivo das catro copas disputadas nos últimos meses en Alicante, Asturias, Salamanca, e agora Lugo. Haberá unha terceira praza, que se resolverá en xuño no campionato asturiano.
O Club de Billar Adai é dos poucos de España situados nun enclave rural, sendo esta a primeira ocasión en que se celebra unha proba desta relevancia nun núcleo non urbano, o que tamén xera expectación entre as participantes.
O campionato será retransmitido vía streaming a través da plataforma especializada en billar www.cuescore.com e nas redes socias de Facebook e Instagram dos organizadores.
A vixente campioa nacional e unha das actuais representantes españolas nos torneos europeos é precisamente integrante do Club de Billar Adai, Maite Ropero, que intentará revalidar o título e a clasificación para as competicións internacionais.
Ropero vén de gañar a III Copa de España celebrada o pasado fin de semana en Villares de la Reina (Salamanca). Desde o ano 2004 acredita máis dunha decena de Campionatos de España; foi a xogadora máis nova en gañalo, cando tiña só 14 anos. Participou en varios Campionatos de Europa así como no Mundial de Bola 9 en China. Tamén gañou o «VNEA Woman 9 Ball Masters» en Las Vegas en 2018, así como unha medalla de prata por equipos femininos no Campionato de Europa de 2017.