O mal tempo non impediu o éxito dunha nova cita da festa do dúatlon galego en Vedra, onde completaron o podio en categoría homes Delikia e Tríatlon Compostela e en mulleres Inforhouse Santiago e Olímpico de Vedra
Frío, choiva e vento, un cóctel que achegaba a sensación térmica aos cero graos foron as condicións coas que tiveron que loitar os máis de 90 equipos e 500 deportistas que unha ano máis se deron cita este sábado 9 de marzo, na maior festa do dúatlon galego que dende 2015 se celebra en Vedra, o dúatlon Concello de Vedra, que constitúe o campionato galego de dúatlon contra o reloxo por equipos. Condicións que tamén volveron a poñer a proba a solvencia da organización dificultando enormemente a loxística da proba, pero que un ano máis volveron a resolver con nota, os máis de 80 voluntarios do Olímpico de Vedra, organizador da proba, volcados con que todo saíse adiante. Neste 2024 a proba volvía as súas datas naturais do mes de marzo, logo de que no ano 2022 tivera que cambiar de data para o outono por mor da pandemia, facendo extensible esa data ao 2023.
No deportivo os títulos de campións galegos estiveron moi disputados. O equipo masculino do Olímpico de Vedra, que non partía como favorito, logrou o título de campión galego. César Otero, Ismael García, Víctor Bouzón, Miguel Daporta e Adrián Picallo, marcaron un contundente ritmo dende a saída, acendendo os ánimos dunha entregada afección local que non parou de animar a pesar das adversas condicións meteorolóxicas e que estalaba en xúbilo ao coñecer a confirmación da victoria local. Este é o terceiro título autonómico contra o reloxo por equipos das escadra vedrense masculina, modalidade que tras 8 edicións segue a ser coto privado de só 3 equipos: Inforhouse Santiago (4), Olímpico de Vedra (3) e o desaparecido Tríatlon Boiro (1). Na segunda posición, a 13 segundos dos campións, quedou o Delikia (Sergi Vañó, Damian Martínez, Martín Barreiro, Roi Álvarez e Alberto Fernández) e completou o podio o Tríatlon Compostela, a 31 segundos, integrado por Diego Santiago, Daniel Vieito, David Cutrín, Jorge Ferradáns, Manuel Fraga e Pedro Liste, no que constitúe o seu terceiro bronce no campionato galego da modalidade.
Temén estivo disputada a proba feminina, onde o Delikia, integrado por Marta Alonso, Marta Pereira, María Muñíz, Marina González e Eva Piñel, lograban o seu primeiro título de campioas galegas. Subcampioas, a 1 minuto e 4 segundos, foron as compostelanas do Inforhouse Santiago ( Adriana Pensado, Miriam Trigo, Antía González, Alejandra Núñez, Julia Vaquero e Noelia Rey), no que constitúe o seu sexto podio no campionato galego da modalidade. Tampouco faltaron a súa cita co podio as locais Gabriela Quintás, Patricie Viadel, Gabriela Quintás e Andrea Espiño, que completaban o circuíto a 1 minuto e 36 segundos das gañadoras, logrando o bronce para xúbilo da entregada parroquia local, no que supón o 5º podio do Olímpico de Vedra feminino na modalidade de dúatlon contra o reloxo.
Antes do campionato galego tivo lugar a proba Open, na que en categoría masculina Compostela B (1º), Delikia B (2º) e Rías Baixas B (3º), ocupaban os 3 chanzos do podio, e en Open feminino o gañador era o Inforhouse B, seguido do Inforhouse C e o Mar de Vigo B.
A entrega de premios poñía colofón a unha difícil xornada, tanto a nivel competitivo como organizativo, pero que un ano máis se completaba con éxito, con presenza de máis de 90 equipos chegados de toda Galicia, e con un dispositivo integrado por máis de 80 voluntarios do Olímpico de Vedra, e membros de Protección Civil e do concello de Vedra, así como de empresas locais, que un ano máis se volcaron para que o Dúatlon de Vedra, e van 9 edicións, volvera a ser un éxito.