“Os servizos hai que mantelos e garantir a súa continuidade se queremos manter o equilibro territorial”. Así se explicaban dende o Partido Popular tras manter unha xuntanza de traballo co presidente do CRAEGA, reunión á que asistiron os deputados provinciais Antonio Ameijide, Carmen José López e Luis Fernández; a deputada autonómica Raquel Arias, e os concelleiros populares de Monforte Katy Varela e José Luis Rodríguez..
O voceiro provincial popular explica que tras coñecer de primeira man a situación do CRAEGA tras falar co seu presidente “non hai outro camiño que apoiar a súa continuidade en Monforte, tal e como defenden os nosos compañeiros do PP e os propios reitores deste organismo”.
Ameijide non entende que a Deputación de Lugo dea as costas a unha entidade como o CRAEGA sobre todo “cando a petición de poder empregar os terreos do Pazo de Tor sería positiva para darlles un bo uso porque agora están infrautilizados e practicamente abandonados dende hai máis dunha década”.
INICIATIVAS A PLENO PARA DEFENDER A SÚA PERMANENCIA
Dende o Grupo Provincial popular explican que se presentarán iniciativas tanto na Deputación como nos concello de Monforte para defender a permanencia do CRAEGA en Monforte, incluíndo a petición dun pleno extraordinario se é preciso. “PSOE e BNG deben recapacitar e non dubidaremos en ir ata o final”, sinalaron.
“Chama poderosamente a atención que José Tomé, presidente provincial e alcalde de Monforte, dea as costas a unha entidade que está instalada no seu municipio”, finalizou.