A UDC vencedora absoluta no XVI Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos

por Redacción Deportes

A UDC resultou vencedora nas modalidades de rugby feminino, fútbol feminino e masculino, voleibol masculino e fútbol sala masculino.

Preto de 650 estudantes das tres universidades públicas galegas participaron estes días no XVI Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos, que tivo lugar en cinco instalacións deportivas da cidade Pontevedra. O evento contou con 35 equipos competindo en seis modalidades deportivas; as competicións femininas e masculinas de fútbol, baloncesto, voleibol, fútbol sala, balonmán e rugby.

Coa excepción do balonmán feminino, no que só compiten a UVigo e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), o resto das competicións desenvolvéronse en formato de triangular, coa participación en todas elas dun equipo de alumnas ou alumnos da Universidade da Coruña, da USC e da UVigo.

A UDC proclamouse campioa absoluta desta competición, resultando vencedora nas modalidades de rugby feminino, fútbol feminino e masculino, voleibol masculino e fútbol sala masculino.

Na primeira xornada, a UDC logrou as vitorias en fútbol masculino e feminino, no primeiro caso tras derrotar á UVigo por 2-0, despois de pechar con empate a cero o seu enfrontamento coa USC, que previamente empatara con Vigo (1-1), á que superou nos penaltis. Na competición feminina, o equipo da UDC lograba o campionato superando 4-0 a Santiago e empatando coa Uvigo a ceros.

No caso do voleibol, A Coruña logrou a vitoria na competición masculina tras derrotar por 0-2 tanto á UVigo como a USC, segunda clasificada.

O segundo día, o equipo de fútbol sala masculino derrotou 6-2 á USC e 3-5 á UVigo, terceira clasificada. En canto á modalidade de rugby feminino, o equipo coruñés alzouse co trofeo tras derrotar 59-0 á UVigo e 45-5 á USC, que rematou en segundo lugar.

O torneo outorga aos equipos gañadores a posibilidade de participar na fase final do Campionato de España Universitario.

A presente edición do Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos contou coa colaboración do Concello de Pontevedra, disputándose cada días tres modalidades deportivas e pechándose cada xornada cunha entrega de trofeos na Escola de Enxeñaría Forestal da Xunqueira, no Campus Universitario de Pontevedra. O vindeiro curso 2024/2025 a UDC será a organizadora deste campionato.

Etiquetas , ,
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario