O río Valiñas está a sufrir verteduras incontroladas ao seu paso por Sésamo (Culleredo), á altura da rúa Cangas (moi próxima á fronteira co concello de Cambre). Ao parecer, poderían ser procedentes dalgún colector de saneamento, mais aínda non se coñecen os detalles
Membros do Colectivo das Pedras Galladas denunciaron esta situación no 112 en máis dunha ocasión nos últimos días. Un técnico de Augas de Galicia personouse no lugar afectado, mais a situación non cambiou e continúan as verteduras na canle fluvial.
O río Valiñas vive un constante acoso contra a súa integridade. Hai apenas dous anos, construíuse unha gasolineira xusto á súa beira, contra a que alegaron grupos veciñais. Ademais, anos antes instalouse a poucos metros o Centro Loxístico de Transportes de Culleredo, en Ledoño, e durante este tempo producíronse varias denuncias por verteduras nun dos seus afluentes directos.
O Concello de Culleredo ten que implicarse na defensa e protección do seu patrimonio natural e apoiar a veciñanza que está denunciando os actos que van en contra da saúde do río Valiñas.